Un dispositivo con drons busca un home de 90 anos desaparecido en Aranga

Unha persoa controlando un dron. (Foto: Nós Diario)
O ancián non aparece na casa desde a pasada quinta feira.

Un amplo dispositivo busca nestes momentos un home de 90 anos desaparecido no municipio de Aranga (As Mariñas) a pasada quinta feira. Un familiar deu aviso á central de emerxencias do 112-Galiza da súa desaparición, despois de que a traballadora doméstica notase a súa ausencia.

Segundo informa o 112, técnicos do grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) incorporáronse con drons ás tarefas de procura esta mesma segunda feira.

Este veciño do lugar de Maques, en Aranga, duns 90 anos de idade, adoita saír a pasear, pero normalmente estaba de volta na casa antes das dúas da tarde. A pasada quinta feira non volveu e deixou alí as súas pertenzas.

Após rexistrarse a súa desaparición, os axentes da Garda Civil puxeron en marcha os correspondentes operativos de procura, nos que tamén participan membros do GES de Curtis.