Pasa a disposición xudicial o acusado de asasinar a súa ex muller en Baiona

Chegada do presunto asasino de Beatriz L.G. aos Xulgados de Vigo, esta cuarta feira. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Esta cuarta feira hai convocadas en diferentes puntos do país concentracións en sinal de repulsa polo asasinato de Beatriz Lijó.

O home detido esta segunda feira —Ángel R.D.— por asasinar presuntamente a súa ex muller —Beatriz L.G.— en Baiona, na noite do pasado domingo, pasou a disposición dos Xulgados de Vigo á primeira hora desta cuarta feira. Sobre el paira unha pena de até 22 anos de prisión.

O sospeitoso, profesor no IES Pedro Floriani de Redondela, chegou ao edificio xudicial da rúa Lalín, na cidade olívica, contra as 8.45 horas, nun vehículo rotulado da Garda Civil, acompañado por dous axentes e escoltado por outro coche da Policía Xudicial.

Fontes da investigación confirmaron que Ángel R.D. foi posto directamente a disposición do xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, dado que será xulgado pola presunta comisión dun crime de violencia machista.

O home foi arrestado na mañá da segunda feira, cando se entregou voluntariamente na Comisaría de Policía Nacional de Ourense, horas despois de que, supostamente, matase á súa ex parella, Beatriz L.G., cuxo cadáver foi localizado cun forte impacto na cabeza e outras feridas punzantes na entrada da súa vivenda, no barrio da Percibilleira de Baiona.

Os feitos ocorreron a última hora do domingo, cando Ángel foi á casa da súa ex muller a entregarlle os nenos, que pasaran con el a fin de semana, e na entrada da vivenda, supostamente, matouna cun machete, en presenza dos menores. A continuación levou os seus fillos a casa dun familiar e marchou, até que foi localizado en Ourense.

Concentracións por todo o país

A Marcha Mundial das Mulleres convocou mobilizacións en sinal de repulsa e condena do asasinato de Beatriz L.G. en máis dunha vintena de concellos galegos, entre eles as sete cidades, entre as 19 e as 21 horas.