“Formula un modelo exportábel para facer cidades máis vivíbeis”

O director xeral de Tráfico gaba a 'Guía de mobilidade' da Deputación de Pontevedra

Á esquerda, o deputado provincial de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, co director xeral de Tráfico do Goberno estatal Pere Navarro. Foto: Deputación de Pontevedra.

A Guía de espazos e públicos e mobilidade amable da Deputación de Pontevedra topou esta cuarta feira repercusión no V Encontro Cidades, organizado en Málaga pola Federación Española de Municipios e Provincias e mais pola Dirección Xeral de Tráfico. O responsábel desta última, Pere Navarro, gabou o documento, que entendeu “exportábel para construír cidades máis vivíbeis e seguras”.
 

Navarro falou após escoitar o relatorio do deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, sobre o traballo realizado na provincia de Pontevedra “para dar prioridade ás persoas nas vías provinciais e nos espazos públicos”. O director xeral de Tráfico engadiu, na conferencia inaugural do encontro, que é “fundamental reducir os coches nas cidades” e facilitar que a mobilidade principal sexa das persoas.

 

“En política é importante arriscar e hai que ter en conta os usuarios máis vulnerábeis e cambiar a política de mobilidade priorizando as persoas”, engadiu.

 

Uxío Benítez, pola súa banda, instou aos gobernantes presentes entre a audiencia a “actuar na recuperación do espazo público e desenvolver o modelo que se está a estender na provincia de Pontevedra. O dereito ao espazo público débese entender como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade e a educación”.

 

O deputado provincial aproveitou para explicar a Estratexia de Mobilidade 3.0 do ente provincial, elaborado “sobre os piares da seguridade, sustentabilidade e inclusión”.