Só dous días cun médico no que queda de agosto: Palmeira sairá á rúa pola "insostíbel" falta de sanitarios

Integrantes da Plataforma de Veciñas de Palmeira co cartel de convocatoria da manifestación. (Foto: Plataforma de Veciñas de Palmeira)
A veciñanza disporá dun único facultativo os días 17 (pasado), 23 e 29 de agosto.

A Plataforma de Veciñas de Palmeira, no concello de Ribeira, vén de convocar unha manifestación ante a "insostíbel" falta de médicos no centro de saúde, que se viu agravada desde o pasado 15 de agosto, cando o Servizo Galego de Saúde (Sergas) notificou que, desde ese día e até o 31 de agosto, só habería médico os días 17 (xa pasou), 23 e 29.

A concentración, que comezará o domingo ás 12 horas na saída da Lagüiña e chegará até o centro de saúde da Palmeira, non é a primeira que realiza a veciñanza, "descontenta" coa situación sanitaria do concello.

A anterior tivo lugar o pasado 7 de xullo, despois de que o alcalde de Ribeira, Manuel Santos Ruíz (PP), "incumprise" o compromiso acordado pola primeira tenente de alcalde, nunha xuntanza veciñal, de resolver a baixa dun facultativo do centro de saúde de Palmeira.

Neste sentido, a plataforma veciñal exixe que o centro sanitario conte cun profesional sanitario de maneira permanente, xa que gran parte da poboación da Palmeira "ten unha idade moi avanzada", e non ten a capacidade de desprazarse até Ribeira no caso dunha urxencia sanitaria.

Chamamento a toda a comarca

Na convocatoria da concentración, a veciñanza de Palmeira fai un chamamento á participación de persoas e colectivos de toda a comarca do Barbanza.

Segundo defenden, esta situación que está a vivir o centro de saúde de Palmeira pode chegar a calquera outra vila ou localidade da comarca, e poñen de exemplo os casos de Taragoña, no concello de Rianxo, e Cabo de Cruz, no concello de Boiro.

Ademais da Plataforma de Veciñas de Palmeira, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca do Barbanza tamén se sumou á convocatoria da manifestación deste domingo.

A situación do centro de saúde de Palmeira chegou xa ao Parlamento da Galiza, onde unha delegación da plataforma veciñal estivo reunida con integrantes do grupo parlamentario do BNG, nun encontro no que trasladaron a súa preocupación pola posibilidade de peche definitivo do centro de saúde.