Víctor Freixanes: "O Diario Galego debe concitar vontades e integrar intereses arredor de Galiza"

Víctor Freixanes

Víctor Freixanes, profesor, escritor, editor e xornalista e presidente da Real Academia Galega, afirma que O Diario Galego -o proxecto que prepara Sermos para 2019- debe ser "aberto, sen sectarismos, sen descualificacións de parroquia pequena, culto, profesional, ameno, intelixente".

-Por que é necesario O Diario Galego? Que esperas del?

 

-Necesitamos un xornal na nosa lingua. É unha vella materia pendente, igual que necesitamos máis oferta de creación e comunicación no idioma. Falo dun xornal escrito e editado en galego, con capacidade para concitar vontades e integrar intereses arredor dunha Galiza que emita na lingua do país, con ambición, sen complexos. Seguramente necesitamos tamén unha reflexión autocrítica para responder unha vella pregunta: por que até agora os intentos que se realizaron non chegaron a bo porto?

 

Penso nun diario aberto, sen sectarismos, sen descualificacións de parroquia pequena, culto, profesional, ameno, intelixente, e mesmo que sexa quen de conectar coas xeracións máis novas, que son o futuro. Ben sei que non pido pouco. Pero temos dereito a pedir.