O futbolista Santi Mina será xulgado por agresión sexual a próxima semana

Santi Mina, nun partido desta tempada (Foto: Europa Press).
A Fiscalía pide oito anos de prisión para o dianteiro do Real Club Celta, nun xuízo no que tamén comparecerá o xogador da UD Ibiza David Goldar.

A Audiencia de Almería decidirá na vindeira segunda feira, unha vez constituída a sala e antes do inicio do xuízo, se decreta porta fechada parcial para a vista oral contra os futbolistas Santi Mina e David Goldar, acusados da comisión dunha presunta agresión sexual a unha muller en xuño de 2017, mentres ambos os dous estaban de vacacións no municipio costeiro de Mojácar.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSJA, en español), a previsión inicial do tribunal da Sección Terceira é que o xuízo se celebre en audiencia pública, aínda que "non se descarta" que "algunha sesión ou declaración concreta" decorra a porta fechada.

No seu escrito de cualificación provisional, a acusación particular solicitou que o xuízo, que se sinalou para os días 28, 30 e 31, se celebrase "sen presenza de público, nin de medios de comunicación" en aras de preservar o "dereito á intimidade" da vítima, segundo indicou o avogado Iván Bolaño.

Pola súa banda, a Fiscalía, que só formulou acusación contra o xogador do Real Club Celta Santi Mina, xa anunciou no seu escrito elevado ao Xulgado de Instrución 1 de Beira (Almería) que se mostraría "conforme, no caso de que a prexudicada o solicitase, con que, cando menos a súa declaración, decorra a porta fechada para evitar a vulneración da súa intimidade".

O Ministerio Público tamén pediu o acompañamento en xuízo para a vítima por parte de funcionarios do Servizo de Asistencia de Vítimas de Andalucía (SAVA), que a súa comparecencia se puidese celebrar por videoconferencia "en caso de solicitalo" ou por "algún outro sistema" capaz "de evitar a confrontación física" cos procesados.

Segundo indicou Iván Bolaño a Europa Press, a intención da acusación particular é que, "cando menos a primeira sesión", na que están previstos os interrogatorios de Mina e Goldar, así como o testemuño da vítima, sexan sen acceso de público, malia que a petición inicial estende a medida de porta fechada ás tres xornadas sinaladas, as periciais incluídas.

Oito anos de prisión

O futbolista Santi Mina enfróntase a unha petición do Ministerio Público de oito anos de cárcere como presunto autor dun delito de agresión sexual recollido nos artigos 178 e 179 do Código Penal. Para David Goldar solicitou sobresemento; non así a acusación particular, polo que o cita a xuízo en calidade de testemuña. Á marxe da pena de prisión, o fiscal pide que se impoña unha medida de liberdade vixiada por un período de dez anos e que se lle prohiba achegarse a unha distancia inferior a 500 metros á vítima ou comunicarse con ela polo mesmo período de tempo.

Pola súa parte, a acusación particular interesa para ambos os acusados penas de nove anos e seis meses de prisión; a Mina sinálao como presunto autor principal, mentres que Goldar é acusado en calidade de "cooperador necesario". Subliña para ponderar a pena de cárcere solicitada a "violencia" e "intimidación" exercida dada a localización na que se produciu a presunta agresión, a pertenza e a superioridade física de ambos os futbolistas.

O escrito de cualificación provisional do Ministerio Público, ao que tivo acceso Europa Press, recolle que Mina accedeu na madrugada do 16 de xuño de 2017 a unha caravana estacionada nas proximidades dunha coñecida discoteca de Mojácar e en cuxo interior estaban "o seu amigo", o tamén futbolista galego David Goldar —actualmente na UD Ibiza—, e a vítima.

A Fiscalía subliña que a vítima sofre estrés pos traumático

A Fiscalía sostén que tería entrado "completamente espido" e que, "con ánimo libidinoso para satisfacer o seu apetito sexual e a pesar da manifesta vontade contraria da vítima", se dirixiu a ela dicíndolle: "Mira, moza, ti préstasme moito e creo que deberiamos facer algo". Cando a muller lle contestou que iría á caravana "con David", o escrito recolle que o procesado sairía "un minuto" para volver entrar e, após dicirlle que "lle gustou moito", presuntamente perpetrou a agresión sexual.

Alén de lesións físicas "a consecuencia" do ataque que o Ministerio Público imputa unicamente a Mina, a vítima sofre sintomatoloxía ansiosa "grave" relacionada cos feitos, polo que solicita unha indemnización de 50.000 euros. Subliña que as secuelas que padece supuxeron que se vexa "moi afectada a súa vida cotiá" xa que sofre "trastorno de tensión pos traumático crónico directamente relacionado" coa agresión sexual que se vai axuizar.