Día Mundial das Reservas da Biosfera: que significa esta figura e cantas hai na Galiza
A ONU destaca o papel destes espazos como modelos de convivencia entre natureza e sociedade, mentres o ecoloxismo reclama "protección real".
A Unesco conmemora este 3 de novembro o Día Mundial das Reservas da Biosfera, unha xornada creada para recoñecer o labor das comunidades que protexen o seu medio natural e promoven un desenvolvemento sostíbel. A iniciativa forma parte do programa Home e Biosfera (Man and the Biosphere, MaB), que impulsa en todo o mundo espazos de equilibrio entre a conservación da biodiversidade, a actividade económica e o benestar das persoas.
A rede mundial de Reservas da Biosfera está composta por máis de 700 territorios en 134 Estados, nos que se experimentan novas formas de xestión sostíbel. O obxectivo é, en definitiva, demostrar que se pode vivir da natureza sen destruíla.
Que significa ser unha Reserva da Biosfera
A declaración dunha Reserva da Biosfera implica un recoñecemento internacional á riqueza natural e cultural dun territorio, mais tamén un compromiso local coa sustentabilidade.
Estas reservas teñen tres funcións principais: conservar os ecosistemas e a biodiversidade, promover o desenvolvemento sostíbel e a economía local, e favorecer a educación e a participación social en materia ambiental.
Cada unha das reservas divídese en tres zonas: núcleo (protexida estritamente), amortecemento (actividades controladas) e transición (zonas habitadas e produtivas).
Sete reservas galegas
Na actualidade, Galiza conta con sete Reservas da Biosfera recoñecidas pola Unesco, dúas delas compartidas con Portugal e Asturias, que abranguen arredor do 16% da superficie galega.
Terras do Miño. É a segunda máis grande da península Ibérica e a máis grande da Galiza, cunha superficie de 363.668,9 ha. Abarca 26 municipios da conca alta do río Miño, pertencentes, á súa vez, a seis comarcas: Ourol, Alfoz, O Valadouro e Mondoñedo (A Mariña), Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade (A Terra Chá), Meira, Pol e Riotorto (Meira), Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, O Corgo, Outeiro de Rei e Rábade (Lugo), Baralla (Os Ancares), Láncara e O Páramo (Sarria).
Os Ancares e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Inclúe Navia, Cervantes e Becerreá.
Con máis de 1.600 metros de desnivel, a intricada rede hidrolóxica que drena no río Navia e a natureza dos materiais xeolóxicos (plutón granítico, entre outras), conviven coa variedade de formacións xeomorfolóxicas, de orixe glaciar e fluvial. Existen ademais pequenos afloramentos calcáreos coa consecuente estruturación da paisaxe e da vexetación, incrementando a heteroxeneidade estrutural do mosaico ecolóxico da comarca.
Área de Allariz. Formada por unha ampla depresión, cunha altitude media de 600 m, por onde decorre o río Limia, e rodeada dun reborde montañoso do que destaca na súa parte norte o macizo granítico de Allariz, por onde decorre encaixado o río Arnoia.
Declarada no ano 2005, conta cunha superficie de 21.482 ha e abrangue os municipios da Bola, Allariz, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos, cun conxunto poboacional de 9.867 habitantes.
Río Eo, Oscos e Terras de Burón (Con Asturias). Ocupa unha superficie de 159.379 ha, das que 496 ha corresponden a augas mariñas someras, próximas á costa galega e asturiana e adxacentes ao estuario do río Eo.
En consecuencia, a Reserva abrangue un total de 158.883 ha terrestre repartidas en 14 municipios: 7 na parte galega (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) e 7 da parte asturiana (Castropol, A Veiga, Taramundi, San Tirso de Abres, Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos). Con todo, a repartición superficial non está tan equilibrada, xa que dúas terceiras partes (algo máis de 108.000 ha) atópanse dentro do territorio galego, mentres que o terzo restante (51.000 ha) é territorio asturiano.
Gerês-Xurés (Con Portugal). Declarada no ano 2009 cunha superficie total 330.874 ha, sitúase entre Galiza e Portugal.
En canto a súa extensión, no norte de Portugal sitúanse 267.958 ha na Galiza 62.916 ha. Comprende os concellos galegos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, e os lusos Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bourón no norte de Portugal
Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Declarada no ano 2013, está localizada no ámbito do litoral cántabro-atlántico da Galiza, comprende unha superficie de 113.969,7 ha terrestres e 2.754,8 ha mariñas, o que fai unha superficie de 116.724,5 has. Inclúe a totalidade de 18 municipios: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza - Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.
Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Abrangue os concellos de Bóveda , Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Triacastela, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa, A Teixeira. Estrutúrase sobre os tramos medios das concas do Miño e o seu principal afluente, o Sil, xunto cos distintos rebordes montañosos que as enmarcan.
O seu espazo xeográfico posúe un amplo conxunto de valores do patrimonio natural e do patrimonio cultural. Entre os seus ecosistemas encóntranse un gran número de hábitats ameazados no conxunto da Rexión Bioxeográfica Atlántica, así como outros considerados raros ou pouco representativos nesta mesma unidade bioxeográfica, ou incluso para o conxunto da área continental europea.
A protección real
Ademais destas figuras, Galiza posúe zonas protexidas pola Rede Natura 2000, parques naturais e outros espazos amparados pola lexislación ambiental. Segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a superficie terrestre galega baixo algunha figura de protección ambiental abrangue arredor do 12% do total, mentres que a Xunta da Galiza eleva a cifra até o 35%, contando tamén as áreas forestais e reservas complementarias.
Organizacións ecoloxistas, como Adega ou Ecoloxistas en Acción, consideran que a protección real é moi inferior á declarada, e reclaman unha xestión efectiva e dotación de recursos para as áreas amparadas pola Unesco e pola Rede Natura.