O Día da Patria Galega vén cargado de reivindicación e orgullo polo país

Manifestación polo Día da Patria Galega, o pasado 25 de xullo de 2024. (Foto: Arxina)
Consulta aquí a axenda completa de actos do 24 e do 25 de xullo na Galiza.

Os actos polo Día da Patria Galega comezan esta quinta feira, na previa desta marcada data, coa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao que cada ano organiza Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG. Este ano intervirán Gabriel Abilleira (militante de Galiza Nova en Compostela), Marta Gómez (secretaria xeral de Galiza Nova) e Ana Pontón (voceira nacional do BNG).

Ademais, a actuación musical estará a cargo do grupo Lina e Lola para, sinalou a organización, "pór en valor o papel das pandereteiras". A homenaxe culmina coa ofrenda floral a Rosalía e Castelao no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres.

Pola súa parte, o colectivo Ceivar organiza esta quinta feira na praza da Galiza, en Compostela, unha cadea humana para reclamar a liberdade das presas independentistas. Logo, Mocidade pola Independencia, baixo o lema 'Construírmos a independencia nacional e de clase', desenvolverá unha manifestación con saída desde a Alameda compostelá, para posteriormente organizar unha cea popular na Gentalha do Pichel.

Xa pola noite, comeza o Festigal, o festival organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, que este ano conta na súa primeira xornada coas actuacións da banda gañadora do IX Concurso de Novos Valores, Ulex, co seu 'rock atolondrado con aires de cumbia'; Alana, mesturando os sons tradicionais con pop e electrónica; Dakidarría, cun repertorio marcado polo ska e o punk que une públicos de distintas xeracións para bailar, saltar e reivindicar, e o ex membro de SondaRúa, Hugo Guezeta, subirá ao escenario en solitario tras a separación do mítico grupo de rap. Ademais, a noite contará tamén coas pinchadas de DJ misa.

25 de xullo

O 25 de xullo sairá da Alameda de Compostela a tradicional manifestación do Día da Patria Galega que cada ano organiza o BNG, e na que acompañan diversas delegacións internacionais, desta vez baixo o lema 'Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía'.

A secretaria xeral de Organización, Lucía López, destacou que o Día da Patria "a expresión da vontade do pobo galego de avanzar cara a un marco político no que Galiza poida exercer plenamente os seus dereitos".

Pola súa parte, o PSdeG repetirá en Rianxo (O Barbanza) a súa tradicional ofrenda a Castelao ante a estatua do intelectual galego que se erixe súa vila natal, nun acto no que estarán presentes os cargos institucionais e orgánicos da formación, co seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, á cabeza.

Mentres, o PP tivo este terza feira o seu acto central polo 25 de xullo na Fervenza do Toxa, na localidade de Silleda (O Deza), onde reivindicarán a "Galiza verde" e a "Galiza do si". Ademais, porán en marcha unha campaña en redes sociais con motivo desta data.

Ademais, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, acudirá á Ofrenda ao Apóstolo como delegado rexio, un acto no que este ano tampouco estará a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, ao ser un evento de carácter relixioso, aínda que si estará no recibimento civil ás autoridades no Obradoiro.  Antes, esta quinta feira, entregará as Medallas de Ouro da Galiza aos alcaldes do Porto e de Braga no acto institucional do Executivo galego.

Pola tarde, en Compostela, terá lugar unha misa en lembranza de Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval á que acudirán diversas autoridades. Posteriormente terá lugar unha ofrenda floral no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres.

Antes, outorgarase nunha gala as distincións coa Alba de Compostela á médica Charo Rúa, o ferreiro Chago Martínez, a cantareira Aurora da Freira e o hosteleiro Suso do Dezaseis. A Corporación do Concello de Santiago ratificou de forma unánime a proposta da Alcaldía das premiadas en 2025.

O Partido Comunista pola República Galega (PCRG) ten esta sexta feira convocada unha manifestación que partirá da Alameda compostelá. Por outra parte, Comunismo Revolucionario Galego desenvolverá un acto político e un xantar no Pico Sacro (Boqueixón, comarca de Compostela) baixo o lema 'Moncho Reboiras. Estrela da Naçom Libertada'. Estreleira, pola súa parte, coa consigna "Cara a República Galega. Viva o Día da Patria', convocou un acto na compostelá praza do Toural onde farán unha lectura colectiva antes dun xantar colectivo na Gentalha do Pichel.

Ao longo da xornada do 25 de xullo continuará a celebración do Festigal, onde pola tarde actuará o grupo de música tradicional mesturada con guitarra e violín Pataghulhos, seguiraos a brass band Brassica Rapa e o grupo de punk rock Gallego Común. O feche, ao igual que a apertura, correrá a cargo de DJ Misa.

Tamén haberá no marco do Festigal presentacións de libros dentro da Galería das Letras e das Ideas, ademais dunha mesa redonda sobre paz e antiimperialismo na que participarán a eurodeputada do BNG Ana Miranda; o parlamentario supraestatal do Instrumento Político pola Soberanía dos Pobos (IPSP) de Bolivia, Adolfo Mendoza; o membro do Comité Central do Partido Comunista Português (PCP) Franciso Araújo e o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego.

A CIG chama á participación

A CIG chamou a participar nas mobilizacións e nos actos que o conxunto do nacionalismo galego ten convocados para o 25 de Xullo, Día da Patria Galega. "Hoxe, máis ca nunca, é necesario o respecto á soberanía económica e política dos pobos e das nacións, porque é inaprazábel a construción dun mundo asentado na xustiza, na solidariedade, na cooperación, na igualdade e na paz", destacou o sindicato.