Dez domingos consecutivos de mobilizacións en Moaña

Pediatras e Matronas Xa participou en novembro de 2021 na marcha de SOS Sanidade Pública en Santiago. (Foto: Nós Diario)
A Mesa da Sanidade e Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Moaña convocan por décimo domingo consecutivo mobilizacións na localidade,

A Mesa da Sanidade de Moaña convoca para o domingo día 13 unha nova concentración diante da Casa do Mar da localidade. Será o décimo domingo consecutivo en que teñen lugar estas mobilizacións das que participa boa parte da veciñanza moañesa, así como a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Moaña e diferentes asociacións do municipio.

A alcaldesa e presidenta da Mesa da Sanidade, Leticia Santos, atendeu Nós Diario para informar da situación da sanidade no concello e mais das convocatorias de concentracións que se veñen dando cada domingo.

"Seguiremos a convocar estas mobilizacións até que a Consellaría entenda que as nosas demandas son xustas e que o que pedimos é ter unha Atención Primaria digna e uns servizos de urxencias en Moaña", sinalou a rexedora.

Outra das demandas que Santos indica é a do "reforzo dunha ambulancia, xa que se deron varios casos en que a atención médica non chegou coa suficiente rapidez e isto restou oportunidades a varias persoas que acabaron perdendo a vida. Nunca saberemos se se podería ter dado un resultado diferente", engade.
A respecto das vacantes que seguen sen cubrir, a alcaldesa advirte de que "2.800 persoas de Moaña non temos na actualidade médico de Atención Primaria". 

A veciñanza tamén responde

Acerca da acollida das mobilizacións por parte da veciñanza moañesa, Santos salienta que "houbo unha manifestación inicial o primeiro domingo de decembro de 2021 que foi unha mobilización histórica". "Ademais disto, cada domingo, nas concentracións, a veciñanza segue a acudir para protestar e demandar que se cumpran os servizos mínimos. Para Moaña, a sanidade é un dereito irrenunciábel", destaca.

En canto ás infraestruturas sanitarias, en febreiro de 2020 o Concello de Moaña asinou un convenio coa Consellaría de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde, algo que non existía, pois os pacientes son atendidos na Casa do Mar, que está adaptada para tal fin desde a década de 1990.

Santos indica que "foi difícil conseguir ese acordo" e subliña que "a mobilización social foi chave para lograr que a Consellaría se comprometese a asinar o convenio"