Detidos en Pontevedra dous homes por un delito de odio e agresión homófoba

Mobilización convocada o 11 de agosto en Pontevedra contra as agresións homófobas. (Foto: Nós Diario)
Un dos arrestados propinou unha puñada a unha das vítimas, facendo que caese ao chan inconsciente, e logo agrediu o outro home, axudado polo segundo detido.

Axentes de Policía Nacional detiveron nas últimas horas dous homes como presuntos autores dunha agresión homófoba a outros dous homes.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do pasado 3 de agosto, cando as vítimas estaba nde festa na cidade. Ao saír dun local de lecer, paráronse diante dunha tenda de roupa e bicáronse.

Nese momento, pasaban polas inmediacións catro persoas, entre elas os dous detidos, que ao ver a parella comezaron a increpalos e insultalos. Iso orixinou un altercado que acabou coa agresión.

Un dos arrestados propinou unha puñada a unha das vítimas, facendo que caese ao chan inconsciente, e logo agrediu o outro home, axudado polo segundo detido.

Testemuñas dos feitos alertaron a Policía e os servizos sanitarios, que trasladaron aos feridos a centros hospitalarios, mentres que os agresores fuxiron do lugar.

A investigación pertmitiu identificar os supostos autores deste delito de odio, que foron detidos esta terza feira e postos ao dispor xudicial.