Nove detidos nun operativo antidroga dirixido pola Audiencia Nacional con epicentro no Salnés

Unha das vivendas rexistradas na Arousa. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Os rexistros e as detencións enmarcaríanse dentro das dilixencias dunha operación anterior contra o tráfico de droga orquestrada pola Audiencia Nacional na que se incautaron uns 200 quilos de cocaína.

A Garda Civil detivo un mínimo de nove persoas nun operativo contra o tráfico de droga ordenado pola o Audiencia Nacional con epicentro na comarca do Salnés, onde se realizaron varios rexistros, de igual forma que noutros puntos da Galiza e mais en Portugal. Segundo confirmaron fontes da Garda Civil citadas pola axencia Europa Press, é a Audiencia Nacional a que dirixe o operativo, levado a cabo polo Equipo contra o Crime Organizado na Galiza da Garda Civil e pola Policía Judiciária de Portugal.

Outras fontes da investigación aseguraron que xa se produciron nove arrestos, aínda que poderían incrementarse ao longo do día. Os rexistros realizáronse en diferentes inmóbeis de Vilanova de Arousa, Vilagarcía, Ourense e A Coruña. Tanto os rexistros como as detencións enmarcaríanse dentro das dilixencias dunha operación anterior contra o tráfico de droga orquestrada pola Audiencia Nacional na que se incautaron uns 200 quilos de cocaína.