Detidos dous mozos, un deles menor, por unha presunta agresión sexual a dúas rapazas en Monforte

Hospital de Monforte. (Foto: Nós Diario)
As mozas acudiron ao servizo de urxencias do Hospital de Monforte, onde se activou o protocolo de atención médica, psicolóxica e policial que está estabelecido nestes casos.

A Policía Nacional detivo dous mozos, de 18 e 17 anos, por supostamente agredir sexualmente outras dúas mozas de idades similares en Monforte de Lemos na madrugada da terza feira, durante as festas patronais do municipio.

Segundo fontes coñecedoras do caso, ao parecer, presuntos agresores e vítimas coincidirían nun local de lecer nocturno e, posteriormente, os feitos ocorrerían nas inmediacións da escola infantil municipal.

Atención médica

Seguidamente, as mozas acudiron ao servizo de urxencias do Hospital de Monforte, onde se activou o protocolo de atención médica, psicolóxica e policial que está estabelecido nestes casos.

Os supostos autores de ambas as agresións sexuais foron detidos horas despois, na mesma xornada, e prevíase que pasasen ao longo desta cuarta feira a disposición xudicial, un deles ante o xuíz de menores correspondente.

De feito, a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Monforte de Lemos decretou a primeira hora da tarde da cuarta feira a liberdade, aínda que coa obrigación de non achegarse nin comunicarse coa vítima, para un dos dous detidos (o maior de idade, con 18 anos) por agresión sexual nas festas patronais do municipio.

Segundo informan fontes xudiciais, a maxistrada do citado xulgado, que é o competente para os casos de violencia sobre a muller, tomou declaración tanto á vítima como ao detido, que é investigado por un delito de agresión sexual.

A xuíza acordou a posta en liberdade do mozo coa obrigación de comparecer semanalmente perante o xulgado, retiroulle o pasaporte e impúxolle a prohibición de saír do territorio estatal e de achegarse ou comunicarse coa agredida.

O Concello de Monforte xa anunciou que prevé comparecer como acusación no caso.