A SEGUNDA FEIRA, VISTA ORAL

Detidos dous membros do Frente Atlético por ameazar a testemuña protexida no “caso Jimmy”

Unha faixa de lembranza a Jimmy

Detidos dous membros do Frente Atlético por ameazas e coaccións cara á testemuña protexida no caso do asasinato do afeccionado do Deportivo, Francisco Javier Romero, “Jimmy”.

Dous días antes de comezar a vista oral na que comparecerá o menor de idade acusado pola morte de “Jimmy”, a policía detivo dous membros do Frente Atlético por ameazar e coaccionar a testemuña protexida do caso.

Segundo publica a axencia EFE, estes dous detidos enviáronlle á testemuña protexida mensaxes por whatsapp e mesmo acudiron ao seu lugar de traballo para o ameazar. Esta testemuña é a principal proba contra o menor de idade acusado de homicidio pola morte do seareiro deportivista e terá que comparecer ante o xuíz esta segunda feira.

Xunto ao menor de idade acusado da morte de “Jimmy”, sentarán no banco dos outros dous menores que participaron na emboscada que o Fronte Atlético lle tendería aos Riazor Blues o 30 de novembro de 2014 nas inmediacións do estadio Vicente Calderón, ao pé do río Manzanares. O fiscal pide oito anos de internamento e tres de liberdade vixiada para o acusado, a quen tamén considera autor dun delito de rifa tumultuaria e outro de tenza ilícita de armas.

O caso “Jimmy” está rodeado de polémica, após as irregularidades denunciadas polo avogado dos Riazor Blues, Erlantz Ibarrondo, entrevistado por Sermos Galiza, e pola Asociación Jimmy Sempre con Nós, que falan dun asasinato fascista.