violencia machista

Detido en Vigo un septuaxenario tras agredir á súa muller cunha vasoira mentres berraba "que a ía a matar"

Axentes da Policía Local.
"Tranquila que te vou matar. Isto non queda así", díxolle, segundo denunciou a muller.

Un home, J.F.V., de 72 anos de idade, foi detido o pasado domingo en Vigo tras agredir á súa muller cunha vasoira mentres lle gritaba "que a ía matar". Segundo explica hoxe a Policía Local, os feitos ocorreron contra as 14.10 horas, cando unha muller, de avanzada idade, alertou dun posíbel caso de violencia de xénero.

Unha vez no punto, os axentes entrevistáronse con ela, que indicou que momentos antes discutira coa súa parella, que xa non se atopaba na vivenda. Nun momento dado, ela collería unha vasoira por se tiña que defenderse, utensilio que foi arrebatado das súas mans polo home, para logo pegarlle con el en repetidas ocasións, tanto nas pernas como o os brazos, tal como denunciou a anciá. Aliás, o home berroulle: "Tranquila que te vou matar. Isto non queda así".

A pesar de todo, logrou zafarse e refuxiarse para chamar á Policía. Durante a entrevista, o marido compareceu no domicilio, polo que os funcionarios tamén falaron con el. O home xustificou que pegara á súa esposa coa vasoira "en defensa propia". Porén, foi detido pola suposta comisión dun delito de violencia machista.