Detido un home en Vigo por agredir a súa parella tras discutiren polo mando da televisión

Mando da televisión. (Foto: Nós Diario)
O home quería cambiar de canle e ela escondeuno entre o seu corpo, ao que el reaccionou suxeitándoa pola man e retorcéndolla bruscamente.

Un home, D.A.G., de 41 anos de idade foi detido na noite desta pasada terza feira en Vigo tras agredir a súa parella despois de discutiren ambos pola posesión do mando da televisión. Os feitos ocorreron sobre as 22.15 horas no domicilio que comparten situado na rúa Aguia, onde os axentes da Policía Local acudiron ao escoitarse un forte encontrón entre unha parella.

Unha vez alí, os actuantes entrevistáronse cos moradores, manifestando ambos que eran parella desde había máis de tres anos e que iniciaran unha discusión pola posesión do mando, xa que o home quería cambiar de canle e ela escondeuno entre o seu corpo.

O agora detido reaccionou suxeitándoa pola man e retorcéndolla bruscamente, quedando esta extremidade inflamada e roxada, segundo informa a Policía Local. O home foi detido como presunto autor dun delito de violencia machista, mentres a muller foi trasladada ao Hospital Ribeira Povisa de Vigo polas súas feridas.

Outro detido

Antes, sobre as 13.10 horas desta terza, a Policía Local de Vigo tamén detivo outro mozo, J.D.B.C., de 28 anos, por dar dous cabezazos á súa noiva. O suceso produciuse nun piso da rúa José Antela Conde, onde unha parella tivo unha discusión debido a que ela quería ir ao seu país de orixe en compañía da filla de ambos, de 3 anos de idade, pero el prohibía de forma rotunda esta viaxe.

Nun momento dado, a muller lanzoulle un bote de perfume á cabeza do home. El, segundo relatou a súa parella, reaccionaría de forma agresiva, suxeitándoa polo pescozo e propinándolle dous cabezazos. Todo iso en presenza da súa filla menor. Foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero.