Detido un veciño do Porriño por agredir a súa parella, ingresada na UCI con lesións graves

Vista aérea da zona urbana do porriño. (Foto: Concello do Porriño)
O presunto agresor pasou a disposición policial.

Axentes da Garda Civil detiveron un veciño do Porriño (comarca de Vigo), de 50 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir supostamente á súa parella cunha arma branca e causarlle lesións graves, de maneira que a muller tivo que ser trasladada a un hospital, onde permanece na UCI.

Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, os feitos ocorreron o pasado 31 de decembro, cando a propia vítima se presentou, gravemente ferida, en dependencias da Garda Civil. Desde alí foi trasladada urxentemente ao hospital.

Os axentes activaron de inmediato un dispositivo de vixilancia e control sobre o domicilio do sospeitoso, onde ocorreran os feitos e, tras obter unha autorización xudicial de entrada e rexistro, accederon á vivenda.

Durante a intervención, procederon á detención do sospeitoso e recuperaron o coitelo e outros obxectos que, presuntamente, o home empregara para agredir a súa parella. O detido, que conta con antecedentes policiais por feitos similares, foi posto ao disposición do xulgado, que decretou o seu ingreso en prisión provisional.