Detido un veciño de Allariz por violencia machista tras perseguir a súa ex parella até a escola infantil onde traballa

Casa do Concello de Allariz. (Foto: Nós Diario)

O detido está acusado dun delito de violencia de xénero, outro contra a seguridade do tráfico, un delito de danos e outro de atentado á autoridade contra un axente

Un veciño de Allariz de 46 anos foi detido pola Garda Civil acusado de varios delitos, entre eles violencia machista, tras conducir de forma temeraria e perseguir a súa ex parella até presentarse no lugar de traballo da muller.

Os feitos comezaron ás 8.50 horas da mañá, cando o agora detido conducía de forma neglixente e temeraria con risco de atropelo en centro urbano, sen que a Garda Civil puidera darlle o alto.

Xa sobre as 10 horas, o acusado acudiu á escola infantil onde traballa a muller e alí lanzou pedras contra os cristais do centro, que rompeu. Nese momento, tanto a muller como o resto do persoal estaban a ser protexidas por axentes deste corpo de seguridade.

O home, que acabou detido, chegou a chantaxear a vítima con suicidarse se non retomaban a relación sentimental.

Posteriormente, os axentes lograron detelo, pero nese momento o home lanzoulles unha botella e agrediu con puñadas un axente, segundo relata a Garda Civil.

Tras ser "reducido e estabilizado", foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para unha valoración.

O detido está acusado dun delito de violencia de xénero, outro contra a seguridade do tráfico, un delito de danos e outro de atentado á autoridade contra un axente.