Detido un 'santeiro' da Paradanta que prometía "curar" as súas clientas se mantiñan relacións sexuais con el

A Garda Civil detén un veciño da Paradanta acusado dun delito contra a liberdade e a indemnidade sexual. (Foto: Europa Press)

O presunto 'curandeiro' ou 'santeiro' aproveitábase da súa situación e dicía a persoas que acudían á súa consulta que, tras un tratamento dun esconxuro con herbas e mantendo relacións sexuais con el, ían curar.

O equipo da Policía Xudicial da Garda Civil de Tui detivo a un veciño da Paradanta de 55 anos, como autor dun presunto delito contra a liberdade e a indemnidade sexual.

Informouno esta segunda feira a propia Garda Civil, que levou a cabo a detención o pasado 21 de agosto. Segundo traslada, o presunto 'curandeiro' ou 'santeiro' aproveitábase da súa situación e dicía a persoas que acudían á súa consulta que, tras un tratamento dun esconxuro con herbas e mantendo relacións sexuais con el, ían curar.

A Garda Civil indica que a xustificación que el daba é que un espírito "as posuía" e, a través do seu corpo, "podía curalas".

O Equipo de Policía Xudicial de Tui (O Baixo Miño) iniciou unha investigación que culminou co suposto 'santeiro' detido o pasado día 21 e posto ao dispor, ao día seguinte, do Xulgado de Garda de Ponteareas, que determinou a súa liberdade con cargos.