Detido na República Dominicana un home condenado por violar e gravar unha moza en Vigo

Miguel Ángel Wilson, nunha imaxe difundida pola Policía Nacional da República Dominicana. (Foto: Europa Press)

O home, Miguel Ángel Wilson, fuxiu do Estado español logo de que a Audiencia Provincial de Pontevedra o condenara a 11 anos e medio de cárcere polos delitos de violación e relevación de segredos.

A Policía Nacional da República Dominicana detivo nas últimas horas Miguel Ángel Wilson, de 32 anos, que foi condenado por violar e gravar unha moza en Vigo, despois de que o home fuxise do Estado español.

O home foi condenado pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, a 11 anos e medio de cárcere polos delitos de agresión sexual e de revelación de segredos. Con todo, este mesmo tribunal emitiu unha orde internacional de detención e de extradición do home ao ausentarse do país para evitar entrar en prisión.

A detención produciuse no sector Restauración de San Pedro de Macorís, na República Dominicana, e o home foi detido mentres se desprazaba a bordo dun vehículo. "O detido, xunto ás evidencias ocupadas, foi trasladado á sede de Interpol en Santo Domingo, para ser presentado ante o Ministerio Público e continuar co proceso xudicial correspondente", engade a Policía Nacional do país americano nas súas redes sociais.

Sentenza

Todo iso despois de que a Audiencia condenase o pasado mes de maio a 9 e 11 anos e medio de cárcere, respectivamente, dous homes por violar e gravar unha moza nun piso situado na Travesía de Vigo.

En concreto, ambos foron considerados autores dun delito de agresión sexual, condenando os maxistrados a un deles a nove anos e ao outro a oito anos de prisión ao ter en conta neste último a atenuante de reparación parcial do dano, por consignar 7.500 euros.

Con todo, este home, o agora detido na República Dominicana, tamén foi considerado culpábel dun delito de descubrimento e revelación de segredos, polo cal terá que pasar outros 3 anos e medio no cárcere, sumando un total de 11 anos e seis meses.

Así mesmo, impúxoselles aos dous a prohibición de achegarse á vítima a menos de 200 metros e de comunicarse con ela durante 18 anos, liberdade vixiada durante 5 anos e a inhabilitación especial para calquera oficio, profesión ou actividade que supoña contacto con menores por un tempo de 14 anos.

Tamén terán que pagar unha indemnización conxunta á moza de 17.000 euros, dos que se restarán os 7.500 euros xa consignados. Ademais, o home que gravou pagará unha multa de algo máis de 2.500 euros.

Pola súa banda, un terceiro acusado pola acusación particular como suposto responsábel dun delito de omisión de socorro foi absolto, tratándose do dono da casa na que ocorreu a violación.

Feitos

No relato de feitos probados da sentenza, os xuíces explicaron que a vítima coñeceu a ambos os dous ese mesmo día, en setembro de 2022, nun local do Areal ao que acudira con varias amigas.

Ao fechar un dos estabelecementos, o grupo, incluída a vítima, decidiron continuar a festa no domicilio dun amigo dun dos procesados. Unha vez alí, segundo recolle a sentenza, a moza mantivo relacións sexuais consentidas nunha das habitacións cun dos dous condenados.

Cando ambos estaban no interior da dependencia, o resto de membros do grupo, a excepción do outro sospeitoso, marcharon do domicilio tras unha discusión. Nese momento, segundo sinalou o tribunal, o outro condenado entrou na habitación e, tanto el como o seu amigo, que xa estaba no interior, agrediron sexualmente a vítima.

Os maxistrados subliñan que a moza "pediulles que parasen, pero non o fixeron". Ademais, engadiron que un deles gravou a violación co seu teléfono móbil.