Detido un home en Verín tras dispararlle varias veces á súa parella, rexistrada no sistema VioXén

Vista da localidade de Verís desde Monterrei. (Foto: Hombre de Hojalata)
Verín, O Bolo e o Barco de Valdeorras rexistran tres episodios de violencia machistas en poucas semanas. Os tres están a ser investigados.

A Garda Civil detivo a un home como presunto autor duns disparos contra a súa parella, que resultou ferida malia que a súa vida non corre perigo. O arrestado, disparou varias veces contra a muller, que figuraba no sistema VioXén con risco non apreciado e, polo tanto, sen medidas de protección especiais nin intervención policial activa.

Os feitos producíronse sobre as 14 horas deste domingo, 25 de maio, no barrio do Primeiro de Maio de Verín. Foron os veciños os que deron a voz de alarma, xa que os home efectuou os disparos en plena rúa contra a súa parella. Disparou unha arma curta en dúas ocasións contra a fiestra do segundo andar do edificio no que se encontraba a muller, segundo confirmou a Garda Civil, e despois fuxiu.

Até o lugar dos feitos desprazáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galiza-061, que trasladaron á vítima con vida ao hospital comarcal de Verín, onde recibiu os primeiros coidados antes de derivala ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde se recupera das feridas de bala.

As forzas de seguridade activaron un dispositivo para dar co autor dos disparos, localizado e arrestado contra a tardiña non moi lonxe onde se rexistraron os feitos.

Este caso de violencia machista é o terceiro rexistrado en poucas semanas en comarcas lindeiras, tras os casos rexistrados no Bolo, onde un home está a ser investigado por homicidio e malos tratos continuados tras matar a súa muller cunha arma branca o pasado 6 de abril, e no Barco de Valdeorras, onde unha muller se tirou desde un cuarto andar após un episodio violento coa súa parella, detida e investigada por violencia machista.