Detido por ferir un xornalista de 'La Voz de Galicia' o mozo que agrediu Raxoi en Pontevedra

Un axente e un vehículo da Policía española. (Foto: Policía).

Accedeu ás dependencias de La Voz de Galicia armado cun coitelo

O mozo que agrediu Mariano Raxoi en Pontevedra no ano 2015 foi arrestado de novo esta sexta feira após atacar e lesionar un xornalista de La Voz de Galicia no seu posto de traballo.

O mozo Andrés de Vicente Fuentes, ‘Capi’, de 25 anos, entrou armado cun coitelo na redacción que La Voz de Galicia ten na rúa Rosalía de Castro da cidade do Lérez, e atacou un dos dous xornalistas que se atopaban no local.

O traballador sufriu, a consecuencia de intentar defenderse, lesións nas extremidades superiores, polas que tivo que ser trasladado en ambulancia até o Hospital Montecelo.

De Vicente tamén provocou importantes danos materiais na redacción de La Voz de Galicia destrozando mobiliario e material informático, asegurando que a súa actuación respondía á publicación do medio, que dous días antes daba conta dunha condena contra él por unha agresión nun bar de Ourense en 2020. O mozo foi reducido e detido pola Policía española.

“Ides morrer todos”

Dous días antes, a pasada cuarta feira, La Voz de Galicia informaba de que De Vicente fora condenado por outra agresión, esta vez en Ourense, a un cliente dun bar, ameazando tamén o resto da clientela ao grito de “Ides morrer todos”.

O investigado admitiu ante a xuíz a súa participación nos feitos denunciados pola Policía española, acontecidos en 2020, e aceptou os cargos pactados polas partes. De Vicente terá que aboar á xustiza unha multa de 540 euros como autor dun delito de lesións; 90 euros polas ameazas, tipificadas como leves; e, ademais, deberá indemnizar o prexudicado, en concepto de responsabilidade civil, con 2.050 euros.