Detido un condutor que causou varias colisións ao circular en sentido contrario pola AP-9 e dar positivo en alcol

O vehículo foi interceptado cando circulaba en sentido contrario á altura do quilómetro 147 da AP-9 en dirección Vigo. (Foto: Europa Press)
Ao decatarse de que se equivocara de camiño entrando na autoestrada, deu a volta e circulou en sentido contrario, batendo primeiro cun vehículo e logo encadeando unha colisión de tres autocares.

A Garda Civil detivo o condutor dun vehículo que provocou varias colisións na AP-9 á altura de Vilaboa (Pontevedra), cando circulaba polo quilómetro 147 en dirección Vigo e en sentido contrario por un dos accesos á autoestrada, e que deu resultado positivo na proba de alcolemia.

Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra e do 112-Galiza, o accidente produciuse contra as 19.30 horas deste domingo, cando un condutor de 59 anos de idade, veciño de Domaio (Moaña), entrou na autoestrada e, ao decatarse de que se equivocara de camiño, deu a volta e circulou un tramo en sentido contrario.

Once persoas víronse implicadas no suceso, mais só dúas precisaron asistencia médica no lugar por lesións leves

Ao facer esa manobra acabou chocando frontalmente con outro coche e, posteriormente, causou unha nova colisión con outros tres vehículos. O 112-Galiza informou de que até once persoas, entre condutoras e viaxeiras, víronse implicadas nos accidentes, se ben, segundo o 061, só dúas precisaron asistencia médica no lugar por lesións de carácter leve, e non foi necesaria a súa evacuación a ningún centro hospitalario.

Alén dos efectivos de Urxencias Sanitarias-061, até o lugar desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, que realizaron a proba de alcolemia ao condutor causante das colisións e que arroxou un resultado positivo que cuadruplicaba o máximo permitido.

Por estes feitos, o condutor foi detido por un presunto delito contra a seguridade viaria, por condución temeraria, lesións por imprudencia grave e danos. Foi trasladado a dependencias da Garda Civil e, unha vez alí, comezou a referir dores no peito, polo que foi trasladado a un centro médico, onde se lle diagnosticou unha fisura. O condutor quedou ingresado, custodiado pola Garda Civil en calidade de detido.

Accidente en Culleredo

Por outra parte, unha persoa resultou ferida na mañá desta segunda feira nun accidente de tráfico na zona limítrofe entre os concellos da Coruña e Culleredo. Segundo a información trasladada polo 112-Galiza, o suceso ocorreu arredor das 8 horas, cando dous vehículos chocaron na Avenida de Nova York, en Culleredo.

Até a zona desprazáronse os Bombeiros, dado que inicialmente se pensaba que a persoa ferida estaba atrapada no vehículo, malia que, finamente, non foi necesaria a súa intervención. Ao atoparse nunha área limítrofe entre dous concellos, foron activados os efectivos do parque comarcal, en Arteixo. Tamén foron mobilizados efectivos sanitarios do 061.