Detido un home despois de que a súa parella se precipitara desde un cuarto piso no Barco de Valdeorras

Concello do Barco de Valdeorras. (Foto: Concello do Barco)

Fontes consistoriais sinalan que o acontecido investígase como un posíbel caso de violencia machista.

Un home foi detido esta terza feira despois de que a súa parella se precipitara desde o cuarto piso dun edificio situado na praza de Andrés de Prada, na localidade do Barco de Valdeorras.

Fontes próximas á investigación confirmaron que o home foi detido despois destes feitos, que sucederon sobre as 12.30 horas.

Até o lugar, ademais da Garda Civil e da Policía Local, acudiron tamén sanitarios do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron a muller ao centro hospitalario de referencia en estado grave.

As forzas e corpos de seguridade abriron unha investigación para tratar de esclarecer o sucedido nuns feitos que segundo confirman desde o Concello do Barco de Valdeorras se trata como un posíbel caso de violencia machista.

Por este motivo, o Concello convoca a cidadanía a unha concentración que terá lugar na cuarta feira como "acto de repulsa ante esta agresión machista".