Detido un home acusado de agredir sexualmente unha moza nunha céntrica rúa de Vigo

Vehículo da Policía Local. (Foto: Europa Press)
O acusado xa se atopa en dependencias policiais e a vítima foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

A Policía Local de Vigo vén de deter un home, de 19 anos, como autor dun suposto delito de agresión sexual a unha moza de madrugada nunha céntrica rúa da cidade olívica. Segundo explicaron fontes policiais consultadas por Europa Press, o suceso produciuse sobre as 7.10 horas deste sábado, cando unha patrulla que realizaba labores de vixilancia na rúa Joaquín Loriga foi requirida por un grupo de catro mozos.

As testemuñas alertaron de que unha muller se atopaba tendida nun banco e practicamente inconsciente. Ante esta situación, os axentes desprazáronse até o lugar e solicitaron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

Os mozos indicaron que cando saíron dunha discoteca próxima á zona dos feitos viron a muller tirada no chan "cun home enriba dela", ao tempo, detallan que o home, co pantalón manchado de sangue, se ausentaba do lugar.

Así mesmo, segundo as mesmas fontes, dúas das testemuñas relatan que o home estaba enriba da muller, co pantalón baixado e "realizando movementos pélvicos".

Os axentes localizaron o home e comprobaron que a descrición ofrecida polas testemuñas concordaba. Ademais, o mesmo home recoñeceu que, momentos antes, tivera "relacións sexuais cunha muller".

Os efectivos policiais procederon a cachealo e localizáronlle un teléfono móbil que pertencía á vítima. Por todo iso, a Policía Local activou o protocolo de agresión sexual e a moza foi trasladada polo persoal sanitario ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O home foi detido por un suposto delito de agresión sexual e trasladado a dependencias da Policía Nacional.