Detido o ex presidente de Xóvenes Agricultores en relación a unha rede de trata de mulleres

Faixa dunha protesta de persoal de XX.AA contra Miramontes. Marcos Guisasola

Juan Pérez Miramontes dirixiu durante anos a rama agraria próxima ao PP, disolvida por un xulgado en 2016. Polo seu iate de Sanxenxo pasaron altos dirixentes do Partido Popular, como Mariano Raxoi.

O que fora presidente de Xóvenes Agricultores, Juan Pérez Miramontes, é unha das seis persoas detidas no marco da operación policial que desarticulou unha rede de trata de mulleres que captaba mozas no Paraguai para traelas a Compostela, onde tiña que exercer a prostitución. O operativo mobilizou un amplo número de efectivos, entre axentes policiais e xudiciais, incluíndo unha delegación da Fiscalía de Paraguai. O Ministerio Público do Paraguai acredita que as mulleres eran "enganadas" co ofrecemento de supostos postos de traballo e prostituídas á forza en Compostela e outras cidades do Estado.

 

Pérez Miramontes foi o dirixente de Xóvenes Agricultotres, rama agraria do PP que foi disolta en 2016 por un xulgado após concurso de acredores e anos de problemas e dificultades económicas que non impedían a Miramontes levar un elevado nivel de vida, con coches de luxo e mesmo un iate en Sanxenxo polo que pasaron dirixentes como Mariano Raxoi. Mentres, os traballadores e traballadoras de XXAA acumulaban meses sen cobrar os seus salarios.

 

Foi tamén unha das persoas que impulsou a plataforma que no 2006, cando os grandes incendios que se deron gobernando a coligazón PSOE e BNG, culpabilizou o goberno galego desa situación, en consonancia coa liña discursiva do Partido Popular.