Vigo

Detido un ex membro dos GRAPO por disparar unha arma de fogo após unha discusión en Castrelos

Parque de Castrelos, en Vigo. (Foto: Google / Arquivo)
O home aseguraba que "ía matar" o outro implicado logo de discutiren por unha cuestión relacionada cos seus cans.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron esta quinta feira un veciño da cidade, Manuel B.G., de 69 anos de idade, após exhibir e disparar unha arma de fogo durante unha discusión con outra persoa relacionada cos seus cans, na contorna do parque de Castrelos, nomeadamente no recinto canino.

Os feitos ocorreron pasadas as 18.30 horas desta quinta feira, cando a Policía recibiu unha alerta para acudir a este parque, por unha discusión entre dous homes no parque canino de Castrelos, despois de que un deles, o detido, sacase unha arma de fogo e realizase disparos —unha bala impactou nunha árbore—, sen alcanzar ninguén.

Ao lugar acudiron en primeiro lugar efectivos de Policía Local, que acordoaron a zona, e localizaron o sospeitoso na rúa Enrique Alonso Xalueiro, perto do paseo do río Lagares. Posteriormente membros da UDEV da Policía Nacional presentáronse no lugar e fixéronse cargo da investigación.

Segundo informaron fontes policiais, o suposto autor dos disparos, un home con antecedentes relacionados cos Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre (GRAPO), que a Audiencia Nacional decretou organización terrorista, desfíxose da pistola nunha zona algo afastada de onde se produciu a discusión e mantense a procura da arma, que aínda non foi localizada.

O detido foi trasladado primeiro a un centro médico e durante o traxecto, informaron fontes policiais, o home non deixou de repetir que "ía matar" o outro home co que discutira.

Posteriormente, foi levado á Comisaría de Policía Nacional onde esta sexta feira se lle tomará declaración, e os investigadores atribúenlle un delito de tentativa de homicidio e tenza ilícita de armas. Está previsto que pase a disposición xudicial este sábado.