Detido o ex ciclista Óscar Freire por un presunto delito de maltrato a súa muller

O ex ciclista, Óscar Freire. (Foto: Europa Press)

A súa muller denunciouno este domingo por agresións, ameazas, vexacións e acoso.

O ex ciclista cántabro Óscar Freire, tricampión mundial, foi detido este domingo despois de ser denunciado pola súa muller por un suposto delito de malos tratos no ámbito familiar, consistente en agresións, ameazas, vexacións e acoso.

A muller acudiu o domingo, sobre as 14 horas, ao posto da Garda Civil de Torrelavega para denunciar ao ex ciclista, co que ten tres fillos —dous deles aínda menores na actualidade—, do que está en proceso de divorcio e co que non convive desde novembro de 2025.

Segundo o relato desta, recollido nun atestado, a mala relación entre ambos comezou en 2023 —20 anos despois de casar— aínda que a muller afirma que o ex ciclista "sempre foi moi controlador durante toda a relación", algo que ela asumía como "normal".

Aliás, asegurou sufrir un "acoso continuo" por parte del e afirmou que este lle colocou micrófonos no coche, na casa, localizadores GPS no vehículo, e duplicoulle a rede social WhattsApp.

A denunciante afirmou que o control sobre ela "é total" e "sempre sabe onde está e o que fai" e que el é "moi celoso e posesivo" —no atestado indícase que durante a recepción da denuncia, el chamouna trece veces—.

A muller explicou que durante a relación conseguiu que ela se "sinta inferior e moi submisa", facéndoa sentirse "de menos" no económico e con comentarios sobre o seu físico.

Indicou que desde 2023 até a actualidade tiveron "moitas discusións violentas", das que relatou varias das máis fortes á Garda Civil. Algunhas delas foron en presenza dos fillos.

Entre os episodios que cita, hai un de setembro de 2025, no que durante unha "forte discusión", Freire supostamente arrebataríalle o teléfono con violencia cando ela intentaba chamar ao irmán do ex ciclista e tiroullo contra o chan, esnaquizándollo.

Tras ver a Freire "moi agresivo", cando ela lle dixo que ía avisar á Policía, o ex ciclista agarraríaa dos dous brazos, empuxándoa contra a porta da entrada, principiándose un forcexo entre ambos, aínda que ela puido escapar e abandonar a vivenda.

Tamén incluíu no seu relato que durante unha discusión de madrugada, na que el comezaría a esnaquizar mobiliario da casa que aínda compartían na localidade de Mijares (Santillana del Mar), arrincou a súa cara dun lenzo e dirixíndose a ela aseveroulle: "Isto é o que queres", guindándolle a fotografía ao seu rostro. Durante este episodio, os fillos do matrimonio estaban na vivenda.

Alén deste capítulo, hai outros nos que o ex ciclista proferiríalle insultos, comentarios vexatorios sobre o seu físico e ameazaríaa con "facerlle a vida imposíbel", deixala "sen un duro" e tamén que ía perder aos seus fillos.

Tamén asegurou que o seu marido levaría "unha vida paralela" durante os dous últimos anos, mantendo relacións sentimentais con outras mulleres.

"Eu valgo moito máis que ti, es unha muller moi corrente. Isto eu merézomo e ti tesmo que perdoar", diríalle á muller en relación coas súas outras relacións con estas mulleres.

De feito, segundo a muller, o ex ciclista "non se escondía" á hora de ter estas relacións e facíalle comentarios sobre o que sucedía con elas e obrigáballe "a realizar prácticas sexuais que facía co seu amantes". Aliás, a vítima asegurou que accedeu a manter varias relacións sexuais ao día co ex ciclista "sen ganas e por non discutir".

A última discusión que relatou sucedeu durante o mediodía deste domingo, durante unha misa na igrexa de Puente San Miguel. Cando ela se dirixía a misa, el entrou tamén na igrexa. Aínda que inicialmente se sentaron en bancos separados, el cambiou de sitio e colocouse xunto a ela. Tras iso iniciouse unha discusión. Ela diríalle que ese non era o lugar e levantouse para irse, aínda que Freire agarrouna "fortemente" do brazo, obrigándoa a sentarse de novo con el. Puido volver levantarse, abandonar a igrexa e saír á rúa. Cando ela intentou chamar ao irmán do ex ciclista, este arrebatoulle o teléfono, aínda que posteriormente llo entregou. Isto, segundo relata, ocorreu "diante de moita xente".

Menos de dúas horas despois foi cando a muller acudiu á Garda Civil a denunciar a Freire, que foi detido sobre as 19 horas. O ex ciclista acolleuse ao seu dereito a non declarar. Após a denuncia e a detención de Freire esta segunda feira realizouse un xuízo rápido na Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Torrelavega, praza número 5. A muller acudiu asistida pola súa letrada, María Mendieta, a prestar declaración.

Desaparición “voluntaria” do ciclista durante dous días

O 5 de febreiro do ano pasado, a muller de Freire denunciou ante a Garda Civil a desaparición do ex ciclista tras dous días sen saber del, despois de que este abandonase de forma voluntaria o domicilio tras unha discusión no ámbito familiar, deixando documentación e outros aveños privados.

Tras facerse pública a denuncia interposta pola súa esposa, o ciclista foi localizado ás poucas horas en bo estado.