Detido o condutor de Moaña pola morte, "no ámbito da violencia de xénero", da muller que ía con el
A Garda Civil detivo ao home de 47 anos de idade, veciño de Moaña (O Morrazo), que conducía o vehículo que se precipitou ao mar á primeira hora da mañá deste sábado desde o paseo de Domaio, como presunto autor dun delito de homicidio, pola morte da muller que ía con el no vehículo.
Segundo confirmaron fontes da investigación, axentes procederon á súa detención por un suposto homicidio "no ámbito da violencia de xénero" no hospital Povisa de Vigo, onde foi trasladado con síntomas de hipotermia e perda de consciencia despois de ser rescatado, cando se atopaba subido ao teito do vehículo.
Os feitos ocorreron sobre as 5 horas deste sábado, cando unha persoa avisaba á Policía Local de Moaña de que presenciara como un coche precipitábase ao mar desde o paseo de Domaio, na zona do Club de Xubilados.
Os efectivos desprazados ao lugar sacaron o coche do mar con axuda dun barco bateeiro e rescataron con vida ao home, que se atopaba subido ao teito do coche. Precisamente, ao retirar o vehículo da auga, localizouse flotando no mar o cadáver da muller, que ía de copiloto.
A falecida, que presentaba polo menos un golpe na zona da boca, foi identificada como Fadoua Akkar, de 41 anos de idade, veciña da parroquia de Salcedo, na cidade de Pontevedra. No momento en que se atopou o corpo levaba consigo unha tarxeta da Seguridade Social, mais non o DNI, con todo, fontes da investigación confirmaron que xa foi identificada pola súa familia.
Unhas horas despois de coñecerse o suceso, o subdelegado do Goberno estatal en Pontevedra, Abel Losada, confirmaba que algunhas testemuñas observaran como o condutor acelerara "notabelmente" para penetrarse nunha zona peonil, antes de precipitarse cara ao mar.
Antecedentes por violencia de xénero
Por outra parte, Losada recoñecía que había "indicios preocupantes" no suceso e explicaba que o condutor ten antecedentes por violencia de xénero. Así, estivo en prisión por uns feitos violentos neste ámbito ocorridos en 2012 e foi condenado pola Audiencia de Pontevedra.
Até o 2020, o detido tivo en vigor unha orde de afastamento daquela vítima. No caso de Fadoua Akkar, Abel Losada confirmou que a muller falecida non estaba rexistrada no sistema Vioxen e que non había ningunha medida de protección con respecto a ela.