O detido tras precipitarse a súa parella dun cuarto piso pasará a disposición xudicial: "Todo indica" que é un caso de violencia machista
O home detido tras a caída da súa parella desde un cuarto piso na Praza de Andrés de Prada, no Barco (Valdeorras), pasará esta quinta feira ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 da localidade. A Garda Civil continuou esta cuarta feira coa práctica de dilixencias e mantén aberta a investigación para esclarecer as circunstancias do suceso.
A vítima, unha muller de 35 anos, permanece ingresada en estado grave no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, tras ser evacuada esta terza feira en helicóptero medicalizado. Segundo sinalaron testemuñas, a muller foi atopada parcialmente espida na vía pública e con evidentes signos de debilidade. Algunhas testemuñas aseguraron tamén que xa presentaba restos de sangue seco antes de precipitarse e que nun primeiro momento non respondía nin respiraba.
Acudiu horas antes ao cuartel
Así mesmo, o subdelegado do Goberno español en Ourense, Eladio Santos, confirmou que a muller acudira esa mesma mañá da terza feira ao cuartel da Garda Civil do Barco para solicitar información sobre o proceso de divorcio.
Non existía até ese momento ningunha denuncia nin medida activa no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioXén), nin tampouco antecedentes xudiciais entre os membros da parella.
A pesar de que non hai aínda confirmación oficial de que se trate dun caso de violencia machista, Santos subliñou que "todo indica que o é", á espera dos resultados da investigación e das probas científicas.
Así, a Garda Civil prosegue coa toma de declaracións e a recompilación de probas para determinar se se tratou dunha caída accidental, unha tentativa de suicidio ou un acto deliberado de violencia. Pola súa parte, o arrestado continúa en dependencias policiais, onde permaneceu desde o momento da súa detención, a terza feira, tras os feitos.