Detido en Baiona o presunto autor do asasinato machista de Estela Blach
A Garda Civil detivo na mañá desta quinta feira o presunto asasino da moza de 36 anos, Estela Blach, que foi localizada morta na vivenda da súa ex parella, na zona das Ínsuas, na parroquia de Belesar, en Baiona (comarca de Vigo) na madrugada da pasada feira, día 8 de novembro.
O home foi detido na parroquia de Belesar, a mesma onde residía e onde sucederon os feitos. Foi arrestado sobre as 7 horas, após pasar case unha semana escondido nun galpón. O detido foi trasladado a Vigo, onde prestará declaración e pasará a disposición xudicial.
Delatado por súa nai
Segundo informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, foi a nai do home quen chamou á Garda Civil para indicarlles onde estaba o seu fillo, debido a que o agora detido "non aguantou a presión" da busca. Tal como dixo ante os medios de comunicación Losada, o home levaba case unha semana escondido e "sen comer", nunhas condicións "bastante difíciles e duras". Por iso, foi trasladado a un centro sanitario para a súa valoración.
Tras agradecer o labor da Garda Civil e trasladar as súas condolencias á familia e, en xeral, ao pobo de Baiona, Losada defendeu o sistema VioXen porque, segundo el, "funciona adecuadamente". Explicou que, malia a todo, "non se detecta ningún problema importante" no funcionamento do mesmo, xa que despois da orde de afastamento de Estela á súa ex parella, desenvolvéronse os controis con "absoluta normalidade" e coa perioricidade estabelecida.
Desde a pasada sexta, engadiu o subdelegado do Goberno, as forzas de seguridade levaron a cabo nas comarcas de Pontevedra máis de 10 accións dentro do sistema VioXen, consistentes en ameazas ou incumprimentos de ordes de afastamento, entre outras. Losada recoñeceu que despois de cada asasinato machista realízanse "revisións" dos procedementos, con todo, lembrou que o "risco cero" non existe e que as mulleres ameazas están "moito máis tranquilas e seguras" grazas ao sistema.
Así, pediu que non se cuestione esta medida porque este cuestionamento, ao seu xuízo, "asusta máis a mulleres que xa están asustadas" e pediu "prudencia" a aqueles que poñen en xuízo o sistema VioXen.
Os feitos
Humberto G. R., de 38 anos, era o principal sospeitoso. Tivera unha relación sentimental coa muller asasinada e tiña denuncias previas por violencia de xénero. De feito, o xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ditou o pasado mes de abril unha orde de afastamento da vítima, que estaba rexistrada no sistema de seguimento VioXen, cualificada como de "risco medio".
Na madrugada da pasada sexta feira, foi o propio home, quen chamou ao 112 e informou os servizos de emerxencias de que atopara a Estela á porta do seu domicilio, a metera na vivenda e tapara cunha manta. Con todo, cando chegaron os sanitarios, que só puideron confirmar o falecemento da muller, o home fuxiu do lugar, alegando que non tiña nada que ver coa morte e que el non ía comerse "ese marrón".
Desde entón, axentes das forzas e corpos de seguridade seguían varias pistas na contorna para dar co seu paradoiro.