Persecución de película en Ames: detido por roubar un coche e escapar 8 quilómetros, sen carné, cando foi 'cachado'

coche vehículo condutor condución (Foto: Miguel Ángel Junquera)
A Garda Civil detectou un vehículo circulando sen matrícula dianteira moi semellante a outro que fora roubado, e que resultou ser o mesmo.

A Garda Civil detivo en Ames (comarca de Santiago) un veciño de Ribeira (O Barbanza) após roubar un coche e escapar durante 8 quilómetros cando foi 'cachado' polos axentes. Tal e como informou o corpo policial, os feitos ocorreron a pasada quinta feira, 15 de febreiro, día no que unha patrulla que estaba a realizar labores preventivos de seguridade cidadá avistou en Teo este vehículo circulando sen matrícula dianteira.

Ao ter coñecemento dunha denuncia por subtracción dun modelo similar e da mesma cor na localidade, os axentes tentaron deter o automóbil para realizar as comprobacións necesarias. "Con todo, o condutor ignorou os sinais oficiais e emprendeu unha fuxida a gran velocidade, pondo en perigo outros usuarios da vía", explica a Garda Civil nun comunicado.

A persecución continuou de forma temeraria durante 8 quilómetros por varias estradas, chegando a circular pola beirarrúa no centro urbano do Milladoiro, en Ames, provocando danos materiais e lesións leves a dous ocupantes doutro vehículo. Após deterse debido á densidade do tráfico, o agora detido abandonou o coche e escapou a pé, sendo interceptado.

A partir de aí, confirmouse que o coche fora subtraído en Teo e que a matrícula traseira que portaba non lle correspondía. Ademais, descubriuse que o home carecía de carné de conducir por perda de puntos.

A Garda Civil procedeu á súa detención como presunto autor de varios delitos, entre eles roubo ou furto de uso de vehículo, falsidade documental, condución temeraria e condución dun vehículo con perda de vixencia da autorización por perda de puntos.

Aliás, a detención permitiu esclarecer até 14 ilícitos penais, incluíndo roubo, condución temeraria, danos e desobediencia grave a axentes da autoridade. O home foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Santiago, xunto ás dilixencias correspondentes.