Detido un 'ciberdepredador' por acosar sexualmente de 25 mozas de 13 a 22 anos

O arrestado utilizaba un perfil falso na rede para achegarse ás mozas, a maioría menores de idade. (Foto: Arquivo)
A maioría das vítimas, algunhas delas galegas, eran menores de idade. O home foi detido no marco da operación policial 'Ganímedes'.

Axentes da Policía Nacional detiveron nas últimas horas un home que acosou sexualmente a través das redes sociais até 25 mulleres de entre 13 e 22 anos de idade, residentes en diferentes puntos do Estado español, algunhas delas na Galiza. Máis da metade das rapazas, 15, son menores, e o resto teñen entre 18 e 22 anos, detallou a Policía Nacional nun comuncado.

A investigación, denominada 'Ganímedes', iniciouse en decembro de 2020 por mor dunha denuncia interposta por unha menor de 14 anos nunha comisaría de Valladolid. As primeiras pescudas permitiron corroborar os datos denunciados e que o presunto autor era consciente da idade da menor e, tras meses de investigacións, logrouse identificar e localizar o individuo nunha localidade andaluza.

Por estes feitos o arrestado quedou ao dispor das autoridades xudiciais ao arrestado como presunto autor dos delitos de corrupción de menores, produción de material pornográfico infantil e ameazas.

Axentes especializados en ciberdelincuencia de Valladolid solicitaron autorización xudicial para a extracción de información e análise dos dous teléfonos móbiles intervidos, así como o acceso e análise do perfil anónimo que utilizaba na rede social para atraer as súas vítimas.

A análise dos axentes permitiu detectar que, través de aplicacións para chatear ou redes sociais frecuentadas por adolescentes, o arrestado buscaba vítimas moi novas, de 13 a 22 anos.

Para contactar con estas utilizaba datos ficticios co fin de ocultar a súa verdadeira identidade e presentábase como un mozo empresario, utilizando como reclamo unha oferta de traballo como acompañante de eventos, ofrecéndolles cartos —uns 5.000 euros ao mes— máis o que denominaba "caprichos", que consistían en teléfonos móbiles de alta gama ou complementos de moda.

Os investigadores detectaron que a cantidade de arquivos que debían remitir ao investigado roldaban as 100 fotos cada tres días, o que levaba as menores a un alto nivel de estrés se querían alcanzar dita cifra. Varias delas precisaron tratamento psicolóxico, ocasionando nalgunha delas ansiedade e trastornos do soño e varias chegando a autolesionarse.

Foi o pasado 18 de abril cando se procedeu á detención do ciberacosador en colaboración co Grupo de Delitos Tecnolóxicos de Sevilla, pasando este ao dispor do Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Carmona, que decretou a súa liberdade con cargos.