Detidas catro persoas dedicadas á cobranza de débedas por tráfico de drogas tras secuestrar un menor en Arousa

Xulgado dde Vilagarcía, que investiga os feitos. (Foto: Felipe Loroño).

Secuestraron un menor de 17 anos e levárono ao Porriño, onde o agrediron e ameazaron.

Axentes do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) e do Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil dtiveron catro persoas, tres veciños de Vilanova de Arousa (O salnés) e un de Pontevedra, que supostamente se dedicaban á cobranza de débedas vinculadas co tráfico de drogas, e que secuestraron un menor de 17 anos e levárono ao Porriño, onde o agrediron e ameazaron.

Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, a investigación, bautizada como Operación Freos, culminou a pasada terza feira, coas detencións dos sospeitosos (tres deles con antecedentes), que pasaron a disposición xudicial e quedaron en liberdade, en calidade de investigados por detención ilegal e lesións.

Os feitos ocorreron na madrugada do 20 de outubro de 2024, cando os sospeitosos presentáronse supostamente no domicilio onde pasaba a noite o menor, en Vilanova de Arousa, e obrigárono a saír pola forza, sen permitirlle que se vestise adecuadamente, nin que collese a súa medicación, de carácter vital.

Os secuestradores introducírono nun vehículo e levárono ao Porriño onde o agrediron e ameazaron. Tras o ocorrido, o menor sufriu unha importante descompensación do seu índice glucémico, e foi abandonado polos sospeitosos no centro de saúde do Porriño, onde tivo que ser atendido polos profesionais sanitarios.

A investigación, coordinada polo xulgado de instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa, mantense aberta, e non se descartan novas detencións.