Deteñen e envían a prisión unha muller por provocar presuntamente cinco incendios que calcinaron 1.000 hectáreas en Verín

Columna de fume do incendio de Verín. (Foto: Brigada de Laza @BrifLaza)
A detida foi vista polos investigadores nos puntos de inicio dos cinco lumes.

A Garda Civil, no marco da operación Ignis, detivo a unha muller como presunta autora de cinco delitos de incendio forestal e sete delitos de danos no concello de Verín.

Esta persoa está acusada de provocar cinco lumes entre os días 3 e 4 de agosto que calcinaron máis 1.000 hectáreas forestais lindeiras aos núcleos de poboación de Verín, Rasela, Cabreiroá, Abedes e Sousas. Os cinco focos remataron por unirse nun só máis grande, detallou a Consellaría de Medio Rural.

A acusada, custodiada por axentes da Garda Civil. (Foto: Europa Press)

A situación chegou a ser de risco nalgún momento da evolución do lume, o que obrigou a declarar o nivel 2 de alerta debido á proximidade das chamas ás vivendas e ás zonas afectadas. Diferentes persoas tiveron que recibir asistencia médica e quedaron arrasadas varias vivendas e vehículos.

Polo de agora, o xulgado de instrución número 1 de Verín decretou o ingreso en prisión provisional da detida por estes feitos, a espera do xuízo. Na investigación, a Garda Civil contou coa colaboración dos axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

Investigación da UIFO

Os primeiros labores de investigación realizáronse ao tempo que os servizos de control e extinción do lume facían o seu traballo.

Neste sentido, a muller detida foi vista en varias ocasións polos investigadores nas zonas de inicio dos lumes. Para ir dun a outro punto de Verín, a acusada empregou o seu propio vehículo.

Nun comunicado, o Goberno galego destacou o traballo dos investigadores da UIFO para esclarecer o sucedido. "Esta rápida chegada ao lugar e a colaboración da cidadanía foron fundamentais no avance das investigacións", concluíu Medio Rural.