Detectan seis positivos nunha residencia en Alfoz e dez nunha de Vigo

Acceso a unha residencia de maiores (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Dan positivo en coronavirus seis persoas nunha residencia de maiores en Alfoz e dez nunha de discapacidade en Vigo. Son xa 32 os casos activos nos centros xeriátricos e outros 32 nos de discapacidade.

Os casos activos da Covid-19 en usuarios de residencias de maiores aumentan a 32 tras ser detectados seis casos positivos nunha vivenda comunitaria en Alfoz e dous nun centro en Ribadeo. Pola súa banda, elévanse a 31 os contaxios nunha residencia de discapacidade de Vigo tras sumar 10 máis.

Segundo os datos facilitados esta terza feira, 3 de agosto, polas consellarías de Política Social e de Sanidade, na actualidade hai 32 persoas usuarias con Covid-19 en sete residencias de maiores da Galiza.

En concreto, destaca a Residencia Santo Estebo de Perlío de Fene, con 18 persoas usuarias contaxiadas; seguida das seis na Vivenda comunitaria de Alfoz; dúas na Concepción Arenal da Coruña; outras dúas na Bo Día Magnolio de Vigo e dúas na Residencia de Ribadeo, mentres que contan con unha na Residencia de Val do Dubra e a Caser A Zapateira, na Coruña.

Centros de discapacidade

En canto ás residencias de discapacidade, detectáronse 10 casos positivos no Fogar e Clínica San Rafael de Vigo que elevan a 31 os contaxios neste centro; aos que se suma outro no CAPD de Sarria.

Por tanto, os centros de atención á discapacidade na Galiza suman 32 persoas usuarias contaxiadas, concentradas nesas dúas instalacións.

Por outra banda, segundo os datos publicados este 3 de agosto por Sanidade con rexistros de até as 18 horas de onte, as persoas ingresadas pola Covid-19 en unidades de coidados intensivos descenden lixeiramente a 42 -unha menos-, mentres que os hospitalizados noutras unidades redúcense a 261, o que supón 24 menos. Ademais, hai 18.468 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Sanidade tamén informou de que se están a reducir os casos activos de Covid-19 por segunda xornada consecutiva até os 18.771, 36 menos que na xornada anterior.