Detectados dous novos casos de gripe aviar en fauna salvaxe

Exemplar de mascato. (Foto: Nós Diario)
Segundo trasladou Medio Rural, trátase dunha gaivota patiamarela detectada en Xove (A Mariña) e dun mascato localizado en Bueu (O Morrazo), ambos os dous atopados mortos.

A Consellaría do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves salvaxes afectadas pola influencia aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid. 

Segundo trasladou Medio Rural, trátase dunha gaivota patiamarela detectada en Xove (A Mariña) e dun mascato localizado en Bueu (O Morrazo), ambos os dous atopados mortos.

Foron trasladados aos Centros de Recuperación de Fauna salvaxe localizados no concello de Lugo e en Cotobade (comarca de Pontevedra).

Tomáronse mostras das aves para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme a normativa en vigor. Estes casos notificados na Galiza xa no ano 2024, corresponden a animais detectados en 2023

A Xunta da Galiza sinalou que ao tratarse de aves salvaxes, a notificación destes focos non implica cambios no status sanitario do país en relación á gripe aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional para o comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Galiza.