Detectados dous novos casos de gaivotas patiamarelas afectadas por gripe aviaria en Ares e Xove

Exemplares de gaivotas. (Foto: Ramsés Pérez)
Con estes dous novos, son 12 en total os focos notificados na Galiza no ano 2023, correspondendo 11 a gaivotas e un a un exemplar de 'palleira parasita'.

A Consellaría do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectadas por influencia aviaria nos concellos de Ares (comarca de Ferrol) e Xove (A Mariña), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Trátase de exemplares de gaivota patiamarela, unha atopada con sintomatoloxía clínica e a outra morta.

Trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros e O Veral, as aves foron analizadas para proceder á posterior análise laboratorial, eliminándose posteriormente os cadáveres conforme á normativa vixente.

Con estes dous novos, son 12 en total os focos notificados na Galiza no ano 2023, correspondendo 11 a gaivotas e un a un exemplar de 'palleira parasita'.

A notificación destes focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, destaca a Xunta da Galiza, non implica cambios no status sanitario do país en relación á influencia aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas e produtos derivados orixinarios da Galiza.

O Goberno galego sinalou que a día de hoxe a valoración de risco no país é "favorábel" ao non arrincar aínda o tempo de maior afluencia de aves migratorias silvestres, posíbeis portadoras do virus.

Prevención

Deste modo, mantéñense na Galiza certas medidas de prevención sanitaria unicamente nos sete concellos da provincia que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

A Xunta lembra que o virus circulante non ten capacidade "significativa" de infección a persoas, pero recomenda "non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais".