Desprendemento na torre de Torés: a veciñanza alerta do estado no que se atopa o Ben de Interese Cultural

Torre medieval de Torés, nas Nogais. (Foto: Nós Diario)

A edificación foi cedida en 2013 ao Concello das Nogais, que no seu momento “se comprometeu a facer moitas cousas e non fixo nada”, sinalou a Nós Diario o historiador Xabier Moure.

Veciñanza da Asociación Val de Torés e da Asociación Patrimonio dos Ancares alertaron esta cuarta feira do desprendemento dunha parte da torre medieval de Torés, do século XIV, no concello das Nogais (Os Ancares), sendo este o máis grande que se produciu en anos.

A torre, propiedade da Casa de Medinaceli, foi cedida en 2013 por 25 anos ao Concello das Nogais, na comarca dos Ancares. No seu momento, o Goberno local “comprometeuse a póla en valor e moitas cousas, e non fixo nada”, denunciou a Nós Diario Xabier Moure, historiador da Asociación Patrimonio dos Ancares.

Torre medieval de Torés, nas Nogais. (Foto: Nós Diario)

Moure destaca que a veciñanza “leva moitos anos” denunciando o estado de deterioración no que se atopa a torre, lembrando que foi declarada como Ben de Interese Cultural (BIC), obrigando os propietarios da edificación a garantir a súa conservación.

Unha preocupación que foi tanto comunicada ao Concello como ao departamento de Patrimonio da Xunta da Galiza. Ante esta situación, Moure afirma que nestes momentos a veciñanza “teme que se vai vir todo abaixo”.