Despedida da catedral de Mondoñedo por denunciar o seu fillo abusos dun sacerdote

Mondoñedo

O  TSXG confirmou a nulidade do despedimento.

A xustiza anulou o despedimento dunha traballadora da catedral de Mondoñedo ao entender que foi unha represalia por parte da empresa contratada polo Cabildo Catedralicio: para os xuíces o despedimento da muller foi unha "represalia" porque o seu fillo denunciara a un sacerdote por supostos actos de contido sexual uns meses antes.

Así o informa a Cadena Ser, que tivo acceso á documentación xudicial relativa a este caso. Así, explica a cadea,   a muller traballaba na catedral de Mondoñedo desde 2004 primeiro como guía e responsábel do seu museo e despois na venda de  ‘souvenirs’ aos visitantes. “Foi despedida sen ningunha explicación en maio de 2019 e coa empresa  ArtiSplendore recoñecendo, mesmo, que se trataba dun despedimento improcedente. Uns meses antes o seu fillo menor de idade denunciara un sacerdote de Mondoñedo por "actos de contido sexual" e anunciouse unha investigación interna”.

A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza referenda o dito antes por un xulgado de Lugo: que o despedimento é nulo e debe ser readmitida porque o seu despedimento foi "unha represalia" contra ela pola denuncia formulada polo seu fillo contra un sacerdote.

Cómpre lembrar que en novembro de 2018 o bispo da diócese de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, confirmaba a través dun comunicado que afastaba das súas “funcións públicas” un sacerdote residente en Mondoñedo após recibir a denuncia dunha rapaza que afirma que foi acosada por ese crego cando era menor de idade e tiña 17 anos.