Desmantelada unha 'macrotrama' de fraude no sector dos hidrocarburos cunha ramificación en Vigo
Trátase dunha das maiores tramas de IVE desarticuladas até a data no Estado español.
A Axencia Tributaria desmantelou esta sexta feira unha rede de defraudación de IVE no sector dos hidrocarburos, con implantación en todo o territorio estatal e unha estrutura formada por 38 sociedades, á que se lle imputa unha fraude de máis de 300 millóns de euros no ano 2024. Trátase dunha das dúas maiores tramas de IVE desarticuladas até a data no Estado español no devandito sector.
Desta forma, realizaron 18 entradas e rexistros en inmóbeis de Vigo (comarca homónima); Madrid, Maxadahonda e Humanes (Madrid); Siero (Asturias); Zaragoza; Castellón da Ponte (Huesca), Montoro e Lucena (Córdoba), Marbella, Estepona e Mijas (Málaga).
Neles, interviñeron un gran número de inmóbeis, vehículos, embarcacións, centos de contas bancarias, criptoactivos, un importante volume de diñeiro en efectivo, obras de arte, artigos de luxo e metais de alto valor económico.
Detención de cinco responsábeis da organización
Ademais, no marco desta operación, denominada 'Pamplinas Stars', e que contou coa participación de máis de 160 funcionarios da Axencia Tributaria, foron detidas cinco persoas consideradas responsábeis da organización criminal, incluíndo a un dos seus líderes, que xa se atopa en prisión, por presuntos delitos contra a Facenda Pública, organización criminal e branqueo de capitais.
A investigación desta 'macrotrama' de defraudación arrinca a mediados de 2024, cando a Axencia Tributaria comeza a analizar a posíbel fraude dun operador por xunto que empezou a vender grandes cantidades de hidrocarburos a finais de 2023.
Naquel momento aínda non se producira a modificación normativa que entrou en vigor en xaneiro de 2025 en virtude da cal as sociedades de alta no Rexistro de Extractores de hidrocarburos, o Redef, xa teñen que presentar declaracións mensuais e estar no sistema de de Subministración Inmediata de Información,o SII. Desta maneira, a operadora presentaba declaracións trimestrais e só tiña obrigación de identificar os seus clientes e provedores ante a Axencia Tributaria con carácter anual.
Operaban a través de empresas instrumentais
Así, esta primeira operadora basearía o seu esquema defraudatorio na declaración trimestral dunhas cotas de IVE desengado moi inferiores ás vendas que realizaba, e unhas cotas de IVE soportado moi superiores ás reais. Na investigación da Axencia púxose de manifesto que a operadora estaría operando a través de empresas instrumentais que serían as que formalmente facturarían aos destinatarios finais o produto extraído pola primeira.
Unha vez que a Axencia Tributaria dá de baixa no Redef a esta primeira operadora fraudulenta a mediados de 2024, a actividade defraudatoria continúa realizándose cunha segunda operadora, que comeza a vender grandes cantidades de hidrocarburo en outubro de 2024, pero en apenas un mes a Axencia tamén a dá de baixa no rexistro. Nese intré de tempo, entre outubro e novembro, esta segunda operadora defraudaría segundo os investigadores 123 millóns de euros.
Finalmente, a mediados de decembro de 2024 principia a actividade fraudulenta dunha terceira operadora que, até entón, estivo vendendo hidrocarburo dentro de depósito fiscal (antes de que corresponda o pago do imposto especial e o IVE) a outros operadores. Aos cinco días do inicio da súa actividade fraudulenta a Axencia tamén dá de baixa esta operadora do Redef.
Inhabilitación de tres operadoras
Inhabilitadas as tres operadoras para operar como almacenistas de hidrocarburos e, por tanto, expulsadas xa do mercado, continúan as investigacións, dirixidas polo Xulgado de Instrución número 4 da Audiencia Estatal e baixo a coordinación da Fiscalía Anticorrupción.
Finalmente, a Axencia Tributaria destapou unha "vasta e complexa" estrutura formada por até 38 sociedades e deseñada para unha dobre finalidade: servir á defraudación do IVE repercutido e non ingresado nas arcas públicas, e trasladar ao estranxeiro os fondos obtidos coa fraude para tratar de impedir a súa rastrexabilidade.
Unha parte dos fondos obtidos pola organización, que tamén contaba cunha ampla rede de homes de palla e a colaboración de asesorías legais para a súa actividade delituosa, destinábase a adquirir sociedades con alta no Redef, co obxectivo de dar continuidade á defraudación.
Neste sentido, a entidade rematou explicando que esta mecánica permitía un "rápido aumento" das vendas a baixo prezo grazas á defraudación do IVE e unha expansión da operativa por todo o territorio nacional, de forma que o impacto da fraude na Facenda pública e sobre a competencia no sector concentrábase nunha escasa marxe de tempo de funcionamento efectivo da organización.