Descende a presión hospitalaria e diminúen os contaxios

Persoal sanitario durante o manexo de tests de antíxenos. (Foto: Europa Press).
Os casos activos aumentan a 18.535 e a taxa de positividade mantense por irba de 10% na Galiza.

A presión hospitalaria reduciuse lixeiramente no conxunto da Galiza no ecuador da semana, ao descender a 264 os pacientes hospitalizados pola Covid-19, que supoñen dous menos; mentres que os novos contaxios baixan a 1.257, uns 43 menos que o día anterior. Porén os casos activos aumentan a 18.535. 

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros de até as 18,00 horas da terza, as persoas ingresadas pola Covid en UCI mantense en 30 e descenden a 234 as que se atopan hospitalizadas noutras unidades -dúas menos-, mentres que 18.271 pacientes permanecen no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Ourense, Vigo e Santiago; mentres aumenta nas da Coruña, Lugo, Ferrol e Pontevedra.

Casos activos

Os casos activos acumulan ascensos desde hai 35 xornadas e sitúanse en 18.535. Constitúen 474 máis que a xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (1.257) que altas (783), ao que se engade un falecemento.

Con respecto a haisete días, Galiza rexistra unhas 6.000 infeccións activas máis, cando había 12.889.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden de novo só na de Ourense (-34) e aumentan nas da Coruña (+206), Santiago  (+104), Lugo (+100), Ferrol (+51), Vigo (+30) e Pontevedra (+17).

Por tanto, con máis casos activos mantense a área de Vigo, con 4.378; seguida da da Coruña , con 3.530; Pontevedra, con 3.041; Santiago, con 2.378; Ourense, con 2.223; Lugo, con 2.100; e Ferrol, por baixo do milleiro, con 885.

Un milleiro de contaxios

Chegado o ecuador da última semana de xullo, os novos contaxios de Covid mantéñense desde o día 20 por riba do milleiro. Segundo o último balance divulgado polo Sergas, nas últimas 24 horas contabilizaron 1.259 novos positivos, dos cales 305 corresponden á área de Vigo; outros 305, á da Coruña; 171, á de Pontevedra; 149, á de Santiago; 142, á de Lugo; 109, á de Ourense; e 78, á de Ferrol.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.453 após notificar esta terza feira Sanidade un novo óbito.

En concreto, a Consellería de Sanidade informou da morte dun home de 100 anos no hospital Povisa de Vigo, que presentaba patoloxías previas ao seu diagnóstico por Covid.