Descarrila un tren en Foz nun sinistro sen danos persoais

Unidade de ferrocarril de FEVE circulando por Viveiro, na comarca da Mariña. (Foto: Enrique Pernas).

Un tren de pasaxeiros que cubría liña Ribadeo-Ferrol descarrilou esta mañá a altura da parroquia de Vilaronte, no concello de Foz, na comarca da Mariña.

O sinistro produciuse cando o comboio que circulaba por esta liña atropelou a dous cabalos que se atopaban na vía por onde fai o percorrido este tren propiedade da compañía publica Ferrocarrís de vía estreita (FEVE).

Sen feridos

O accidente saldouse sen ningunha persoa ferida, ao viaxar nese momento no tren só o maquinista e o interventor da compañía.

Persoal de Adif, axentes da Garda Civil, efectivos do parque de bombeiros de Barreiros, equipos de emerxencia do GES de Cervo e integrantes de Protección Civil de Foz desprazáronse ao lugar do sinistro.

Liña cortada

O accidente obrigou a cortar a vía, polo que Adif, estableceu un plan alternativo de transporte por estrada entre os concellos de Ribadeo e Burela.

A situación desta liña de ferrocarril nos tramos galegos e o estado dos equipos empregados por FEVE está xerar un número importante de accidentes nos últimos tempos.