Desaloxadas 45 crianzas dunha gardaría de Poio por unha fuga de gas
Un total de 45 menores e seis docentes foron desaloxados na mañá desta terza feira dunha escola infantil situada no municipio de Poio (comarca de Pontevedra) tras detectarse unha fuga de gas nas instalacións, segundo informou a Policía Local.
O aviso recibiuse ao redor das 11.30 horas no centro educativo Trastes, situado na avenida de Andurique número 47. De inmediato, os axentes municipais activaron o protocolo de seguridade e procederon a coordinar a evacuación preventiva de todos os ocupantes do edificio.
Fontes policiais confirmaron que non se produciron danos persoais e que tanto os nenos e nas nenas como o persoal docente abandonaron o inmóbel sen incidencias mentres se avaliaba a orixe da fuga.
Tras unha primeira valoración, o incidente podería estar relacionado cun problema de combustión na caldeira do centro, aínda que deberá confirmarse mediante unha revisión técnica máis exhaustiva.
Ademais da Policía Local de Poio, até o lugar tamén se desprazaron efectivos do parque de Bombeiros de Sanxenxo (O Salnés) e patrullas da Garda Civil, que colaboraron no operativo.