Desaloxados 40 veciños de Viana do Bolo e confinadas máis de 250 persoas en Oímbra e Monterrei

Sinal queimada polos incendios no Macizo ourensán. (Foto: Rosa Veiga / Nós Diario)
Técnicos de Protección Civil avalían as distintas situacións nas que se atopan os núcleos poboacionais, polo que non desbotan novas medidas nas próximas horas.

O 112 Galiza informou de que foi necesario desaloxar nas últimas horas 40 veciños do núcleo da Bouza, no municipio de Viana do Bolo (comarca de Viana), aínda que xa puideron volver ás súas casas.

Na última actualización das 13.45 horas desta quinta feira, o 112 sinala que tamén foi necesario confinar a 140 persoas no núcleo da Madalena, municipio de Monterrei (comarca de Verín), así como a 122 persoas en Casas dos Montes, no concello de Oímbra (tamén na comarca de Verín).

Durante a noite tamén se confinaron varios núcleos no concello de Monterrei, onde houbo desaloxos en Albarellos.

Así o confirman por parte do centro de coordinación os técnicos de Protección Civil da Xunta da Galiza que están a participar nas tarefas asociadas á extinción dos incendios forestais desde que foron activados os protocolos de protección á cidadanía (Situación 2) en toda a provincia de Ourense.