Desaloxado un restaurante en Arteixo tras rexistrarse un incendio no seu interior

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Segundo informou o CIAE 112 Galiza, o incidente ocorreu a última hora de tarde deste domingo, nun local hostaleiro da rúa Seixedo, en Oseiro, e foron os bombeiros os que comunicaron a súa saída aos servizos de Emerxencias.

Un incendio rexistrado nun restaurante de Arteixo (comarca da Coruña) nas últimas horas obrigou a desaloxar o local aínda que, afortunadamente, saldouse con danos materiais e sen que ninguén resultase ferido.

Segundo informou o CIAE 112 Galiza, o incidente ocorreu a última hora de tarde deste domingo, nun local hostaleiro da rúa Seixedo, en Oseiro, e foron os bombeiros os que comunicaron a súa saída aos servizos de Emerxencias. Así, o servizo de extinción de incendios recibira unha chamada por parte do propio persoal para acudir a un restaurante, xa que se iniciou un fogo na grella.

O desaloxo

O 112 mobilizou tamén a Policía Local, Protección Civil e Garda Civil. Unha vez no lugar, debido á gran cantidade de fume acumulado, a Policía Local procedeu a desaloxar o restaurante, que neses momentos estaba ao completo, e ningunha persoa resultou ferida.

Unha vez extinguidas as chamas, os bombeiros informaron de que o lume afectara a grella e a unha cheminea; ademais, tiveron que retirar o falso teito para poder arrefriar ben a zona e evitar que volvese reavivarse o lume.