Social

O incendio de Monterrei convértese no maior da Galiza da tempada, con 450 hectáreas afectadas

Incendio en Viana do Bolo [BrifLaza].
Desde esta mañá considéranse fóra de risco as vivendas que ameazaba o lume en Monterrei. Supera así en superficie ao de Viana do Bolo, que continúa activo desde as 20.28 horas da quinta feira 23 de xullo e xa leva queimadas 250 hectáreas.

A alerta pola proximidade do lume ás casas en Monterrei fica desactivada. A Consellaría do Medio Rural desactiva a 'situación 2' nun incendio que polo momento arrasou 450 hectáreas, o que o converte no de maior envergadura do que vai de tempada na Galiza, no borde de ser considerado Gran Incendio Forestal (categoría reservada a aqueles que afectan a máis de 500 hectáreas).

A alerta decretábase na noite da sexta feira, por volta das 22.45 horas, ao se achegaren as lapas ao núcleo de Salgueira, mais desde as 9.45 horas deste sábado as vivendas considéranse fóra de perigo.

Segundo as primeiras estimacións, o incendio declarado ás 17.05 horas na parroquia de Flariz calcinou 450 hectáreas, parte delas en parcelas agrícolas. Un técnico, 11 axentes, 21 brigadas, 18 motobombas, dúas palas, sete helicópteros e nove avións traballan na zona para controlalo.

O fogo de Monterrei supera en superficie afectada ao de Viana do Bolo, que continúa activo desde as 20.28 horas da quinta feira 23 de xullo e xa leva queimadas 250 hectáreas. O lume que afecta desde ese mesmo día a parroquia de Queirugás (Verín) permanece controlado desde as 14.43 horas de onte. Segundo as últimas estimacións, a superficie queimada é de 144 hectáreas.