LV Mostra Internacional

A Deputación de Pontevedra promove o cultivo de camelia no monte

[Imaxe: Juan Mejuto] Camelias

O Concurso Exposición Internacional da Camelia volveu abrir este sábado as súas portas en Pontevedra coa especie consolidada como unha das flores ornamentais máis recoñecidas do país. A Deputación de Pontevedra quere promover a súa plantación no monte.

Flor ornamental mais non só. A camelia gaña adeptas e adeptos nas súas múltiples formas, entre as que destacan o té e o aceite. A Deputación de Pontevedra busca difundir as investigacións atesouradas na Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) entre as comunidades de montes para obter outros aproveitamentos do seu cultivo asociadas ao sector forestal.

 

Así o explicou a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, na inauguración da LV Mostra Internacional da Camelia, cuxo obxectivo pasar por reunir as mellores flores de camelia do país e por trasladar á sociedade o traballo técnico que se realiza na EFA. A LV Mostra da Camelia, logo do seu paso por Vigo e Vilagarcía, pretende volver destacar a flor “e todo o que este cultivo significa no noso país, que en realidade vén sendo todo un universo que abrangue un amplísimo abano de posibilidades ornamentais, turísticas e produtivas”.

 

Desde 2016 até hoxe, percorreuse “un importante camiño na popularización dos usos da camelia, a través da difusión dos produtos derivados do seu cultivo, como son o té cento por cento galego, que xa é unha realidade, ou as investigacións sobre a obtención do aceite a partires das sementes”, sinalou Vilaverde.

 

Despois da inauguración da mostra, tivo lugar o showcooking a cargo do chef do Grupo Nove Iñaki Bretal, que preparou un menú degustación a base de camelias como ingrediente formado por un entrante –vieira afumada coas follas da camelia–, un primeiro prato –peixe con allada de aceite de camelia–, un segundo –carneiro con prebe de camelia e pétalos– e unha sobremesa –biscoito con camelia–

 

A degustación de 180 pratos por parte das persoas participantes xerou unha grande expectación por parte do público, ao igual que na pasada edición.

 

A xornada de mañá domingo comezará ás 10 horas coa apertura de portas, hora desde a que se poderán contemplar as flores presentadas a concurso polas 42 persoas cultivadoras, chegadas de diversos puntos do país. Ás 11 horas, terá lugar a xornada técnica ‘Patoloxías e afeccións sanitarias máis habituais na camelia, métodos de control’, a cargo do doutor enxeñeiro de Montes Pedro Mansilla.

 

A media mañá (12h) realizarase a entrega de premios aos mellores cultivares de camelia presentes no LV Concurso Exposición Internacional, co agasallo da tradicional ‘Camelia de Ouro’ á mellor composición floral, e con esculturas especificamente realizadas para a ocasión ao resto das composicións máis destacadas.

 

Xa pola tarde, ás 17 horas, realizarase outra xornada técnica sobra ‘O cultivo da camelia como especie restauradora en zonas forestais’, a cargo da xefa do Servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Carmen Salinero. Será ás 18.30 horas a quenda para a presentación do libro ‘Xardíns históricos na provincia de Pontevedra’, editado pola Deputación de Pontevedra. Durante todo o día estará habilitado un espazo infantil para crianzas maiores de tres anos atendidas por monitores e monitoras. O peche de portas será ás 21 horas.