Deputación da Coruña Fitur 2025

A Deputación da Coruña pon en valor en Fitur a Costa da Morte, "onde empeza todo"

Presentación esta sexta feira en Fitur da campaña 'Fisterra-Muxía, o camiño que remata no mar'. (Foto: Deputación da Coruña)
Esta sexta feira rematou Fitur e Turismo da Deputación da Coruña quixo facelo ao grande, co Camiño Fisterra-Muxía, destacando o feito de ser o vieiro "que remata no mar” onde, destacou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, “acaba e empeza todo”. A entidade amosou unha oferta que aposta “pola sustentabilidade".

A Costa da Morte protagonizou esta sexta feira a programación da Deputación da Coruña na que foi a última xornada de Fitur, en Madrid. O vicepresidente provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira, asistiu ás presentacións da CMAT 'Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe' e a da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra–Muxía 'Fisterra-Muxía, o camiño que remata no mar', e esta sexta feira no remate promocional no stand de Turespaña tamén destacou o protagonismo deste destino tanto no pavillón da Galiza como en Turespaña.

A CMAT, asociación turística da Costa da Morte, falou da “natureza salvaxe” do territorio diante dun numeroso público asistente, sorprendido a cada paso coas imaxes do vídeo proxectado. Logo de ver o vídeo promocional, o responsábel provincial de Turismo explicou neste acto promocional o que “dicía Manuel Rivas de que a Costa da Morte é máis que un destino; é un parque temático”, apostilando que “tiña razón -o escritor-, é máis que paisaxe, é gastronomía, patrimonio ou cultura. A Costa da Morte ten un encanto intanxíbel de primeiro nivel”.

Explicando no Ifema de Madrid a Costa da Morte como destino turístico, Regueira explicou ao público asistente á presentación que “calquera se sentirá atraído non só polos seus solpores incríbeis ou as súas salvaxes e infinitas praias, senón tamén polos múltiples e únicos acontecementos que alberga e o que é capaz de transmitir a súa xente a través da tradición”. Deste modo, o vicepresidente da Deputación animou en Fitur a visitar a Costa da Morte “en calquera estación, pero eu particularmente elixiría o outono” para descubrir este recuncho.

“Din que alí remata o mundo, mais eu creu que é onde comeza todo”, dixo Xosé Regueira durante a presentación do camiño Fisterra–Muxía no pavillón da Galiza. O vicepresidente destacou a “singularidade” deste camiño, “que conta con dúas catedrais, a de Santiago e as pedras do santuario de Muxía e, por suposto, o faro da fin do mundo, en Fisterra”.

A presentación deste Camiño Fisterra-Muxía continuou esta sexta feira en Fitur trasladándose ao espazo de Turespaña, onde o deputado provincial, Antonio Leira, referiuse a este tramo do Camiño como “único e maxestoso, polo que imos atopar nel, principalmente as súas xentes que vos farán sentir na casa”. Leira tamén puxo en valor o compromiso de todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados na ruta e deixou claro que “hai un sentir que é o respecto, o coidado, o mimo e a divulgación da esencia do camiño, e aí temos o mellor legado”. Leira aproveitou a presentación en Fitur para falar do proxecto da Deputación da Coruña 'Arte no Camiño' que, segundo sinalou, “permítenos recuperar espazos e historias que hai no Camiño”.

Con esta actividade rematou esta sexta feira unha nova edición de Fitur, unha feira que segundo destacou o responsábel provincial de Turismo, Xosé Regueira, “serviu para lanzar a nosa campaña 'A paisaxe que sabe', coa que continuaremos promovendo a nosa gastronomía como principal destino turístico”. Desde Turismo da Deputación da Coruña avanzaron que no circuíto promocional a próxima parada que fará Turismo da Deputación será 'Madrid Fusión', onde participará cun stand propio desde o 27 até o 29 de xaneiro.

'A provincia que sabe' en Fitur 2025

A modo de balanzo da participación deste ano da Deputación da Coruña en Fitur, Xosé Regueira sinalou que “trouxemos a actualización da campaña que veu funcionando os dous últimos anos", en referencia a 'A provincia que sabe'. Con esta actividade promocional a institución provincial introduciu este ano en Fitur 2025 “unha actualización a maiores da gastronomía, dos elementos como a paisaxe, non só orográfica senón tamén a paisaxe humana”. A Deputación da Coruña puxo en valor “todo o sector de produción de alimentos e da restauración”, esa “paisaxe humana” que Regueira destacou como o gran valor turístico da zona. A Deputación despediuse da edición de Fitur deste ano valorando positivamente a acollida do público asistente ás presentacións promocionais da zona, agradecendo tamén o interese do público en xeral e os operadores do sector.

Produtos turísticos en 956 quilómetros de costa e camiños cara á “fin do mundo”

Rematou Fitur 2025 e a Deputación da Coruña valorou a súa participación deste ano na feira de turismo pondo o foco sobre os produtores e as produtoras de alimentos e a hostalaría que completan a paisaxe única, a sustentabilidade, tradición e cultura que compoñen o abano da oferta turística da provincia da Coruña. Xosé Regueira destacou “todos os produtos turísticos” ao longo de 956 quilómetros de costa e tamén de todos os camiños que coinciden a Compostela “e á fin do mundo, esa Fisterra e Muxía míticas”. O vicepresidente provincial destacou que “queríamos pór de relevancia a paisaxe humana porque é grazas aos produtores e produtoras de alimentos de primeiro nivel mundial que somos o que somos actualmente”. Regueira dixo, a modo de balanzo, que “temos unha sociedade que trata moi ben as persoas que chegan respectando o territorio e a nosa cultura, patrimonio e identidade”.