A Deputación da Coruña debulla un orzamento de 184,5 millóns

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. (Foto: Nós Diario)
Anuncia un aumento do gasto social e programas e plans que procuran a creación de "3.500 empregos".

O Goberno da Deputación da Coruña levará a pleno un orzamento de 184,5 millóns cun aumento de 137% en gasto social para 2021. O seu presidente, Valentín González Formoso, asegurou en rolda de prensa que se trata da "maior aposta pola protección social e a xeración de emprego" da historia da institución.

Formoso debullou as contas do vindeiro ano xunto co vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de Facenda Antonio Leira.

O presidente destacou o incremento de partidas na área social, á que se destinan 27,4 millóns de euros, así como os programas e plans que procuran a creación de "3.500 empregos directos" na provincia da Coruña. Tamén a "contratación de 300 profesionais na área sanitaria" ou o aumento de 14 millóns de euros "para soster os servizos de axuda a dependentes e emerxencia social nos municipios".

Así mesmo, González Formoso incidiu en que se prestará especial atención "a colectivos que pasan mal e son os grandes esquecidos, como a cultura e o deporte", ao que engade as políticas vinculadas ao medio.

O deputado Xosé Regueira valorou que o Goberno da entidade aposta por unha xestión "comprometida co financiamento local, co compromiso social e a igualdade e coas partidas que xeramos para os concellos". En concreto, apuntou que "120 millóns van ser de transferencia inmediata".

"É un orzamento optimista, social, esperanzador", resumiu o responsábel de Economía e Facenda, engadindo que agardan poder incrementalo coas partidas do Estado e da Xunta.

Formoso remarcou que o orzamento "comeza con 185 millóns, mais remata con máis de 400 millóns, a capacidade mobilizadora de recursos é bastante alta", afirmou.