A dependencia, "esquecida" nos Orzamentos da Xunta: protesta ante o Parlamento para reclamar unha atención digna
A Plataforma Galega Emerxencia Dependencia concentrouse esta segunda feira diante do Parlamento coincidindo co debate dos Orzamentos para denunciar o colapso do sistema galego de atención ás persoas dependentes. As 15 organizacións convocantes alertaron das demoras de ata dous anos, da falta de recursos e da reforma legal “pola porta de atrás” que, din, reduce dereitos e agrava a situación das persoas máis vulnerábeis.
A Plataforma Galega Emerxencia Dependencia, por unha atención digna á dependencia, concentrouse este 17 de novembro diante do Parlamento da Galiza para denunciar a situación "crítica" que atravesa o sistema galego de atención ás persoas dependentes e exixir uns orzamentos "xustos e sociais". Precisamente, a mobilización coincidiu co debate na Cámara das contas do Goberno galego para 2026, un momento que as 15 organizacións convocantes consideran "decisivo" para reverter o deterioro dos servizos.
Baixo o lema "A dependencia e os coidados non poden agardar. Orzamentos sociais xustos, xa!", e nunha concentración na que se escoitaron consignas como "Que metan a Rueda na lista de espera" ou "A Xunta da Galiza, recorta e privatiza", as entidades alertaron de que Galiza padece "longas listas de espera, demoras de até dous anos nas resolucións e insuficiencia crónica de recursos humanos e materiais". Segundo o Imserso, é a comunidade autónoma con menor número de solicitudes por persoa potencialmente dependente, unha cifra que, para a Plataforma, revela "o desánimo e a falta de confianza nun sistema que non dá resposta".
"A dependencia está quedando esquecida"
En declaracións aos medios, David Gontán, do Colexio Oficial de Traballadores e Traballadoras Sociais, lembrou que o ano pasado a Xunta da Galiza aproveitou a lei de acompañamento para "xuntar os procedementos de dependencia e discapacidade", unha decisión que, lonxe de mellorar prazos, "aumentou aínda máis os tempos de espera".
A Plataforma denuncia que a reforma da Lei 13/2008, aprobada recentemente pola Xunta, fíxose "pola porta de atrás" e sen diálogo. Alertan de que a fusión dos procedementos de dependencia e discapacidade "xunta dous sistemas completamente distintos", o que "desaproveita recursos e retira profesionais especializados".
"O sistema de dependencia avalía as necesidades de axuda para as actividades básicas da vida diaria; o sistema de discapacidade é máis médico, centrado en parámetros cognitivos e físicos", explicou Gontán.
"O noso sistema cada vez está en peor estado. A poboación galega é cada vez máis dependente, máis envellecida, e non se está a acompañar isto con máis persoal nin servizos", advertiu. Gontán destacou tamén a ampla representación da convocatoria: "Hoxe estamos 15 organizacións: partidos políticos, sindicatos, asociacións e colexios profesionais. Cremos que é un gran número de representación da cidadanía".
Demoras de até dous anos e falta de datos oficiais
A Plataforma lembra que, segundo a lei, o prazo máximo para resolver unha solicitude de dependencia é de 180 días, mais na Galiza "moitas persoas agardan entre un e dous anos". Moitas delas, engaden, falecen sen recibir prestación nin recurso ningún.
A organización critica, ademais, a opacidade da Xunta: "Non están ofrecendo datos actualizados mentres o INSS está alertando de que aumentan as persoas que necesitan unha prestación ou un servizo". Para Gontán, esta situación déixase ver tamén na redución de solicitudes, a pesar de que Galiza é unha das comunidades autónomas con máis dependentes e coa poboación máis envellecida: "Estamos normalizando que o sistema non funciona".
As demandas
Entre outros aspectos, a Emerxencia Dependencia reclama a revogación das modificacións da Lei 13/2008, un sistema público galego de atención á dependencia, o incremento urxente de persoal de valoración, máis prazas públicas en residencias, centros de día e SAF, e a convocatoria inmediata do Consello Galego de Benestar Social coa conselleira presente.
A plataforma está integrada por ate 15 entidades do ámbito político e sindical, asociacións de persoas e colexios profesionais: ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (Colexio de Psicoloxía), Cotoga (Colexio de Terapia Ocupacional), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, Modepen, Sindicato Labrego Galego, Podemos e PSdeG.